CRTVG

Buscar

Mª de la Fuente: "Non nos podemos permitir perder talento, e o talento non ten xénero"

Publicado o 07/06/2021 11:21

A directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), María de la Fuente, considera que esta pandemia está probando que a ciencia é o futuro. Por iso, pensa que "non podemos permitirnos perder talento, e o talento non ten xénero".

A investigadora galega leva anos pelexando contra as desigualdades na carreira científica, unha loita que gañou nos tribunais o pasado 21 de xaneiro. Unha sentenza ditada polo Xulgado Central Contencioso Administrativo nº2 de Madrid constatou que na convocatoria para os contratos Miguel Servet tipo II, que outorga o Instituto de Salud Carlos III, existía unha "discriminación indirecta" por razón de xénero.

Segundo relata nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, pedía que se respectasen os seus dereitos laborais durante os períodos de maternidade e non a penalizasen á hora de avaliar o seu currículo. "Creo que o ditame senta un precedente moi importante porque, sobre todo, lle dá visibilidade a un problema moi estendido do que non se falaba", asegura.

Pensa que "estaba moi normalizado" que as mulleres seguisen traballando durante os permisos de maternidade para non desenganchárense da carreira científica. "Isto tradúcese nunha presión extraordinaria porque é moi difícil manter a produtividade. O que leva moitas mulleres a abandonar a profesión ao chegar ese momento", engade.

Salienta que agora cada vez máis investigadoras e investigadores demandan o "respecto dos nosos dereitos". "Cambiar de profesión non é malo se é voluntario, pero non pode ser que o propio sistema exclúa as investigadoras por algo tan natural e necesario como é ser nai e, sobre todo, cando se pode evitar simplemente con avaliacións xustas e ponderadas".

"Precedente importante"

Na súa opinión, o veredicto tamén senta un precedente importante porque "o que fan falla son ferramentas para avaliarnos en igualdade de condicións". No seu caso, a nova directora do Instituto Carlos III, que está "moi concienciada", estuda como "introducir estes factores de corrección para aplicar en todas a convocatorias".

Durante os máis de tres anos que durou o proceso xudicial, María de la Fuente tamén liderou o movemento nas redes 'Ou nais ou científicas', que reivindica os dereitos das mulleres do sector a interromper as súas carreiras por maternidade, conciliación, coidado de dependentes ou enfermidades de longa duración.

Neste eido, considera moi importante a aprobación da lei galega Ánxeles Alvariño porque "establecería un marco xurídico con perspectiva de xénero" que permitirían avanzar en igualdade.

Noticias web

07/06/2021