CRTVG

Buscar

Manuel Rodríguez: "A xente tomou conciencia do perigo tras os incendios de Portugal"

Publicado o 27/05/2021 12:00

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste 2021 prevé a creación dunha unidade específica para investigar a orixe dos incendios e tentar dar cos seus responsables. Segundo o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, o equipo contará cunha formación propia e encargarase de desenvolver esta tarefa en todo o territorio.

Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, lembra que a consellería do Medio Rural leva tempo investigando as causas do lume en colaboración co Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona) e coa Unidade de Policía Autonómica (UPA). Porén, salienta que por primeira vez haberá un grupo especializado e con dedicación exclusiva.  

Ademais, Manuel Rodríguez asegura que nesta campaña se vai afondar na vixilancia, na disuasión e na coordinación de medios grazas á "instalación de 22 novas cámaras que permitirán cubrir en torno ao 70 % do territorio".

Neste sentido, subliña que a visión de conxunto e a posibilidade de facer un seguimento da evolución dos lumes é "moi importante" para priorizar os medios de extinción e chegar a aqueles lugares onde sexan máis necesarios.

O Pladiga tamén contempla unha especial vixilancia daqueles concellos e parroquias cunha casuística de incendios forestais máis elevada. Na súa opinión, "hai que adaptarse á realidade galega".

Conciencia do perigo

O director xeral de Defensa do Monte considera que a poboación está tomando máis conciencia do perigo do lume, sobre todo dende a vaga que arrasou Portugal. Por iso, confía en que a sociedade vai acantoando as persoas incendiarias e valore o traballo dos equipos de extinción porque "cando hai lume é porque alguén prende lume", lembra.

Por iso, insiste en que "non é un asunto exclusivo da Administración", senón que compete a todo o mundo, e cada quen pode aportar o seu grao de area, coa "prevención, a denuncia ou a colaboración".

En canto aos 7.000 efectivos que traballan neste eido, Manuel Rodríguez insiste na importancia de continuar co seu adestramento e formación para poderen facer fronte a eses novos incendios que, cada vez máis, "chegan ás portas das casas".

Noticias web

27/05/2021