CRTVG

Buscar

Lucila Rodríguez: "As comunidades non están facilitando a acollida de menores migrantes"

Publicado o 02/06/2021 11:05

A directora da fundación PorCausa, centrada na investigación de temas migratorios, denuncia as trabas das administracións autonómicas para facilitar a acollida familiar de menores doutros países que chegan a España.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, Lucila Rodríguez Alarcón lembra que as comunidades teñen a responsabilidade de organizar o recibimento, pero a realidade é que na maioría dos casos non se chega a materializar.

Asegura que somos un pobo "extremadamente solidario" e a rede de familias hospitalarias non deixa de medrar. Por iso, considera "sorprendente" que con esta capacidade potencial algúns goberno autonómicos non ofrezan a posibilidade de acoller nos fogares menores estranxeiros, cando si o permiten no caso de seren nacionais.

Segundo Lucila Rodríguez, esta realidade ten moito que ver co trato que sempre lles ofreceu o sistema a estas persoas. "É un debate que hai que abrir e no que deben participar tanto o Goberno central como as comunidades", subliña.

Na súa opinión, o acollemento familiar é a mellor solución a longo prazo para menores de 18 anos, "proveñan de onde proveñan", en termos de humanidade, economía e crecemento. "Está demostrado que calquera adolescente que recibe cariño e oportunidades ten un desenvolvemento positivo cara á sociedade, e aquí hai que facer un grande esforzo", lembra.

De acordo cos datos que manexa a fundación, no ano 2020 había en Galicia 150 menores estranxeiros acollidos, pero "ningún en familia" porque "non se ofreceu esa posibilidade". "Non creo que toda esa comunidade que marchou a Suíza ou Alemaña nos anos 40 ou 50 teña dúbida", porque o pobo galego "foi emigrante e moi valente", salienta.

A directora da Fundación PorCausa lembra unha obra de teatro recente, na que participa un actor galego, que anima a percibir a migración como o que é, "un fenómeno natural, positivo e necesario e creo que en poucas comunidades como en Galicia esa certeza se ten".

A crise de Ceuta

Pensa que a crise de Ceuta é a expresión do que está a suceder noutros puntos da Península e nas Canarias dende hai tempo: "A realidade da infancia migrante en España é esta". Critica a falla de datos reais e as deficiencias do sistema que non ten en conta as persoas máis vulnerables. "Creo que é un problema xeral de como se abordan as migración".

Quere deixar claro que a gran maioría de menores que chegaron á cidade autónoma son adolescentes maiores de 15 anos que abandonan o seu país, nunha situación "complicadísima" porque "consideran que son unha carga para as súas familias". "Queren ser autónomos e axudar, pero seguen sendo menores porque un adolescente é un neno nun corpo de persoa maior".


Noticias web

02/06/2021