CRTVG

Buscar

Fernández Lores: "É posible tomar medidas contra o cambio climático. Pontevedra lévao facendo desde hai 20 anos"

Publicado o 29/11/2019 11:00

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi entrevistado este venres no Bos días da Televisión de Galicia. A conversa estivo centrada na invitación que recibiu a cidade de Pontevedra para asistir ao Cumio do Clima, que se celebra en Madrid. Pontevedra é a única cidade galega invitada a este encontro.

Que Pontevedra estea invitada a esta xuntanza é porque "levamos 20 anos facendo unha política de transformación urbana que encaixa perfectamente coas medidas que hai que tomar para reducir o cambio climático", expuxo Fernández Lores. "Eu penso que nos convidaron porque somos unha referencia internacional", reflexionou.

Esta invitación para asistir ao cumio do clima non é unha novidade para esta cidade, porque xa estivera presente no encontro de París en 2015. Nesta ocasión, a súa contribución será diferente, porque "a diferenza que hai respecto da experiencia en París é que aquí imos a participar activamente nunha mesa redonda como exemplo de políticas urbanas que favorecen a loita co cambio climático", dixo Lores. En 2015, "o que fixemos foi asinar o acordo do cambio do clima pero non estivemos nos poñentes principais", recordou.

Para Lores, é importante "transmitir que é posible tomar medidas activas en contra do cambio climático, porque Pontevedra xa o leva facendo desde hai 20 anos". Entre algunhas das medidas que conseguiron foi "a redución do 67% das emisións de CO2 restrinxindo o uso de vehículo privado na cidade e reducindo a velocidade".

Unha das misións de Lores neste cumio é "que a xente se anime a tomar decisións políticas e facer un proxecto para a súa propia cidade". Segundo el, "non é casualidade que esteamos no sexto mandato, iso quere dicir que os veciños e as veciñas están de acordo co que se está facendo. Eu animo todo o mundo a que tome decisións nesta liña porque son valoradas positivamente".

Ademais de expoñer todo o conseguido na súa cidade, o alcalde traerá consigo outras experiencias, porque "se por algo se caracteriza o modelo urbano de Pontevedra é porque escoitamos a todo o mundo e aprendemos de todo o mundo" porque "este é un proxecto colectivo".

Na conversa con Ana Celia Vázquez tamén se falou sobre a X Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que se celebra hoxe, onde Lores pretende demandar como alcalde e membro do BNG "a mellora do financiamento dos concellos, pero de Galicia en xeral. Temos falta de financiamento para mellorar a vida dos cidadáns".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/11/2019