CRTVG

Buscar

Labandeira: "A transición ecolóxica é unha oportunidade para Galicia"

Publicado o 22/04/2021 12:10

O catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira considera "decepcionante" que a nova Lei de cambio climático e transición enerxética non incorpore cuestións relacionadas coa fiscalidade verde no seu articulado. Porén, confía en que estes aspectos se desenvolvan por outras vías.

O profesor forma parte do comité experto que vai asesorar o Goberno na reforma do sistema tributario español neste eido. Segundo explica nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, este tipo de impostos buscan, máis que recadar, "introducir incentivos para conseguir melloras ambientais ao mínimo custo".

Sobre todo, asegura Labandeira, trátase de "mudar hábitos" beneficiosos para o ecosistema e para a saúde. Con xestos coma o de cambiar o coche pola bicicleta nunha cidade, explica, "deixamos de contaminar e de crear ese contorno tan pouco saudable, que está a causar moitas mortes", pero, ao mesmo tempo, "facemos exercicio".

No que a fiscalidade verde se refire, considera que España "é unha anomalía" respecto aos países da súa contorna. Nas últimas décadas desenvolveu "poucas políticas climáticas", polo que agora se atopa nunha situación de desvantaxe á hora de alcanzar os obxectivos de descarbonización marcados pola Unión Europea para o 2050.

Por iso, pensa que a Lei de cambio climático, malia as súas carencias, é unha boa nova porque "vai permitir cumprir con eses obxectivos". Iso si, subliña, "hai que poñer as pilas e pasar das palabras aos feitos". Neste sentido, lembra a necesidade inmediata de comezar a reducir emisións, unha tarefa que vai implicar "desmontar moitas cousas".  

"Temos que tentar que sexa unha transición xusta e equilibrada na que haxa poucos perdedores e moitos gañadores", afirma, "compensar a xente afectada, buscar novas ubicacións e postos de traballo" e contar cun sector empresarial "proactivo" que estea preparado para afrontar o cambio. 

"Oportunidade para Galicia"

Amósase convencido de que é unha oportunidade para Galicia, "un país con moitos recursos potenciais renovables" que "pode liderar a transición e xogar un papel a nivel internacional relevante". E, neste camiño, uns fondos europeos Next Generation centrados nos sectores verdes poden ser cruciais. "Hai que apostar ben e aguantar o tirón", salienta.

Xavier Labandeira asegura que a fiscalidade verde é fundamental para o desenvolvemento económico. "Temos que buscar un crecemento sostible que sexa compatible co benestar da sociedade", sentencia, "o futuro vai por aí".

Noticias web

22/04/2021