CRTVG

Buscar

"Empezamos a ver os primeiros indicadores non de baixada, pero si de que non segue crecendo"

Publicado o 30/07/2021 10:10

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apunta a unhas semanas de esforzo e poder deixar atrás o virus a pesar de estar vivindo nestes momentos unha quinta vaga que en Galicia se traduce con máis de mil novos casos detectados cada día: "Estamos nun momento complicado aínda, pero os datos din que falamos certa estabilización. Empezamos a ver os primeiros indicadores, non de baixada, pero de non seguir crecendo como estabamos ata agora".

"Queda menos", asegura o conselleiro de Sanidade, quen apunta á vacinación como saída: "Cando falabamos do 70 por cento dos cidadáns vacinados parecía distante, pero xa chegou. Pero aínda queda vacinar esa xente que temos que vacinar, porque non temos vacinas suficientes, e que ademais ten unhas características moi especias de mobilidade, tamén os menores de 16 anos que nos preocupan. Queda menos, e se as vacinas chegan ao ritmo que teñen que chegar, será cuestión de semanas".

Non obstante, o ritmo de vacinación que houbo no mes de xuño non se vai poder manter. Xa este mes houbo menos vacinas e en agosto as previsións van polo mesmo camiño: "Imos ter as mesmas vacinas ou algo menos que no mes de xullo. Todos saben que en xuño houbo unha chegada adiantada de vacinas que nos permitiu vacinar moito. No mes de agosto serán as mesmas que en xullo ou algo menos", di García Comesaña.

Para poder atallar a esta situación a proposta galega pasa por cuestións como a extensión da vacina de Janssen a grupos de idade máis novos, "é unha petición que fixemos no Consello Interterritorial. Cremos que ten sentido. Así o día a ficha técnica, para maiores de 18 anos, e hai datos doutros países que van nesa liña, e incorporamos a posibilidade de que sexa voluntario".

E á volta da esquina está xa o comezo do curso. "Cos datos que manexamos, unha parte dos estudantes si estarán vacinados, os de bacharelato, por exemplo, e esperamos ter vacinados os cursos máis altos da ESO", cre o conselleiro.

En paralelo, nas últimas datas reforzouse a capacidade de diagnóstico para poder conseguir dar cos casos positivos, especialmente os asitomáticos: "Agora engadimos varios elementos, por exemplo, eses puntos móbiles. Farán test de antíxenos e emitirán certificados covid e tamén darán de alta no sistema de saúde dixital, proporcionando a chave 365", explica García Comesaña. 

"Ademais engadimos un sistema que reforza os autotest nas farmacias. Para eles hai un teléfono ao que chaman para comunicar un positivo. Agora nas propias oficinas de farmacia, se o test se fai alí, diante do farmacéutico, ese test pódese subir ao noso sistema de información".

Todas estas novas medidas van dirixidas ás persoas máis novas, explica o conselleiro, onde agora mesmo a situación está máis descontrolada: "A poboación diana está entre os 13 e os 35 anos, pero evidentemente se un cidadán acode a estes puntos móbiles ou a unha farmacia poderá facelo".

En canto á esixencia de certificados de vacinación ou de probas negativas para o acceso aos locais de hostalería, o conselleiro de Sanidade asegura que "foi unha proposta que fixemos da man do sector hostaleiro. Era un xeito de non pechar os interiores dos locais. Se non fose así, hoxe teriamos 200 concellos co interior da hostalería pechada".

García Comesaña defende esta medida e a súa legalidade, posta en cuestión noutros territorios, como as Canarias, onde a xustiza a acaba de anular. O conselleiro fala da especificidade galega: "Nós incorporamos unha ferramenta que permite que o hostaleiro poida ler o certificado que ten o cidadán sen entrar no contido. Cunha aplicación tan simple que lle dá un resultado de vermello ou verde, pode entrar ou non. Desta forma non entran na intimidade de ninguén".

"Os datos que temos respecto aos nenos máis pequenos de momento son tranquilizadores. Hai un salto moi grande dende os 17-19 anos, e o principal problema está nesa franxa ata os 29 anos", di o conselleiro.

Localizar os novos casos nesta situación actual require un esforzo maior que en vagas anteriores, explica o conselleiro: "Nos rastrexos atopamos de todo. Hai xente moi colaboradora, son a maioría. Dannos os seus contactos estreitos e inmediamente pídeselles unha PCR e póñense en corentena, porque se é contacto estreito hai que facer corentena aínda que a proba sexa negativa. E os máis colaboran, pero tamén nos encontramos entre esta xente nova con rapaces que nos din que non teñen contactos estreitos ou que teñen moi poucos, cando o normal é que o patrón neste grupo de idade adoita ser de persoas con moita interacción social con contactos máis numerosos".

García Comesña tamén explicou a situación que se dá coas persoas que son contactos estreitos e xa están vacinados: "O que facemos neste caso é unha PCR. Se é negativa, non fai corentena, excepto se esa persoa traballa, por exemplo, con persoas inmunedeprimidas. Fóra destas situacións, a PCR negativa anula a corentena. Asúmese que non vai contaxiar, pero, en todo caso, esa persoa ten que ter precaucións lóxicas".

Para a Xunta a retirada do recurso no Constitucional e o acordo co Goberno sobre a lei galega de Saúde é unha boa noticia, e o conselleiro defende a norma e o espírito co que se fixo: "O que sempre dixo o Goberno galego non era a vacinación obrigatoria, senón formular a posibilidade por se nalgún momento fose necesario. Estamos vendo en todo o mundo que hai gobernos que o propoñen".

O conselleiro de Sanidade atrévese a establecer un horizonte de saída desta crise sanitaria: "É evidente que temos unha realidade nova en moitos aspectos. Algunhas cousas son boas e está ben que queden. Teño que mandar unha mensaxe de ánimo aos galegos e galegas, que estean tranquilas, que cun esforzo de 8-10 semanas para que pase esta fase aguda e sexa xa un recordo".

Por último, García Comesaña é dos pensan que é moi posible que haxa que poñer unha terceira dose da vacina, ou incluso establecer campañas de vacinación regulares: "Hai dúbidas, pero todo parece indicar que si, xa se fai coa gripe. Temos un sistema preparado para isto. Non deixa de ser un virus, e estou convencido de que dun xeito ou outro imos ter que seguir facendo esa vacinación", concluíu.

Noticias web

30/07/2021