CRTVG

Buscar

Jorge Suárez: "A ruptura é co sistema, non con nós mesmos"

Publicado o 07/02/2020 10:34

O ex-alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, falou este venres en directo no 'Bos días' sobre o panorama político na esquerda rupturista de cara aos próximos comicios galegos.

"Hai unha idea clara: levamos moito tempo no estado de decepción por discutir máis o marco que o cadro que se quere pintar. Creo que temos que explicar programas electorais de cambio", asegurou.

Suárez cre que deben "tratar de sumar todos e ser conscientes que eses máis de 400.000 votos que tivemos nunhas eleccións pódense volver repetir".

Para el é fundamental buscar a unidade: "Creo que debemos recuperar o espírito daquel manifesto de Mazarelos no que se falaba da unión de Esquerda Unida, Podemos, Anova e as mareas municipais para constituír unha única alternativa ás políticas que vén aplicando Feijóo e que resultaron nefastas".

Jorge Suárez asegurou na entrevista que se debe aprender dos erros pasados, tratando de evitar enfrontamentos para conseguir buscar unificar esa alternativa: "Creo que hai que facelo desde unha fronte única, cunha única voz, e aprendendo da experiencia do pacto entre o PSOE e Unidas Podemos, levando con discreción as negociacións e chegando ao final do camiño cunha candidatura solvente, de país, cun programa de cambio para Galiza que é moi necesario".

Sobre a posibilidade de explorar outros pactos previos ás eleccións, como puidera ser co BNG, Suárez foi claro: "Creo que se hai un goberno de esquerdas en Galicia vai ser de coalición, e o BNG xa ten marcado o seu camiño e non quere alianzas preelectorais".

"A prioridade é levar medidas concretas á sociedade galega para os que o máis o necesitan, e antepoñer as necesidades da xente ás nosas propias disputas", asegurou o exrexedor ferrolán que non considera que para iso cumpra reinventar o proxecto: "Creo que non é necesaria tanto unha reinvención, como escoitar a sociedade. Creo que hai ganas na sociedade galega de cambio. O que é necesario é cambiar a estratexia para que a mensaxe chegue á xente, que sexa unha mensaxe clara e limpa e que non teñamos guerra de taifas entre a esquerda rupturista e que a ruptura sexa co sistema, non con nós mesmos".

Noticias web

07/02/2020