CRTVG

Buscar

Alberto García Basteiro: "É moi importante a incidencia do coronavirus na poboación máis aló das cifras oficiais"

Publicado o 15/04/2020 10:59

Máis de 28.000 sanitarios contaxiáronse de coronavirus, dos que 33 faleceron. Para eles, que están en primeira liña e máis expostos ao virus, igual que para a cidadanía en xeral, descoñécese a evolución da enfermidade unha vez superada, o que se coñece como prevalencia da infección.

Alberto García Basteiro, investigador do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGLOBAL) e médico do servizo de Saúde Internacional do Hospital Clínic de Barcelona, está a realizar co seu equipo un estudo de seroprevalencia do Hospital Clínic e a incidencia do coronavirus nos sanitarios, e explica que co estudo queren "medir cantas persoas pasaron xa a infección. Os datos oficiais que temos son os dos pacientes que chegaron ao hospital con moitos síntomas e lles fixeron o test. Pero sabemos que hai moita xente con síntomas leves ou case sen síntomas. E o que queremos saber é canta xente xa estivo infectada independentemente de se tivo ou non síntomas".

"Tamén é importante estudar as residencias de anciáns, é outro colectivo importante. Sobre a enfermidade sabemos que hai anticorpos contra certas proteínas que nos axudan a saber se unha persoa foi infectada. Estámolo a estudar agora e saberemos máis nas próximas semanas", di o doutor García Basteiro. E aclara que "na ciencia estamos intentando adaptarnos á situación. Antes, os resultados dunha investigación envíabanse a unha revista e ata que os colegas o revisaban non se publicaba e pasaban tres ou catro meses. Agora, póñense á disposición dos colegas para que se avance máis rápido e despois tárdase algo máis antes de publicarse nas revistas clásicas".

"As capacidades diagnósticas hai que reforzalas en todo o mundo e son moi diferentes en cada país. En España faise uns 25.000 ao día; en Mozambique, que é un país que coñezo ben, levan feito en total uns 600. Polo tanto, a resposta á pandemia tamén é moi diferente". Engade o investigador que "en África a poboación é máis nova, uns 20 anos de media, pero sofren outras epidemias, como a malaria, e polo tanto, vai ter consecuencias noutras doenzas tamén".

"Non vou entrar nas consideracións que fan os políticos. O estado de cada país e diferente e a OMS é un organismo único cun orzamento moi baixo. Sempre dicimos que é moi importante, pero despois os países non queren achegar cartos. Teñen os expertos de pimeiro nivel e esperemos que os países comprendan o importante que pode ser este organimos para reforzalo".

 

Noticias web

15/04/2020