CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero: "Feijóo convoca porque cada día que pasa xera un novo problema e perde apoios"

Publicado o 11/02/2020 12:04

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou esta mañá no Bos días que ante a convocatoria electoral "nós estamos preparados. Temos os deberes feitos e sabemos que a maioría dos galegos queren un cambio á fronte da Xunta de Galicia. Feijóo convoca estas eleccións porque cada día que pasa xera un novo problema e perde apoios".

"Ao final o que se amosa é que a palabra de Feijóo non vale nada", asegurou o candidato socialista ante o adianto electoral que, segundo dixo, o presidente da Xunta negou "ata hai tres días".

"Hai unha maioría de progreso en Galicia. E é o momento de pedirlles aos galegos que se mobilicen", afirmou caballero, convencido de que teñen a oportunidade de gañar as eleccións e puxo como exemplo desa mobilización a protesta en defensa da sanidade pública deste domingo pasado en Santiago.

En canto á operativa da convocatoria electoral, asegurou que o PSdeG non terá problemas na elaboración das listas, e dixo: "Temos un compromiso co cambio, e imos facer unha campaña comprometida co país para dicirlles aos galegos que hai que optar polo cambio".

 

Noticias web

11/02/2020