CRTVG

Buscar

González Formoso: "O PSdeG ten que apostar polos equipos e fuxir do personalismo"

Publicado o 01/10/2021 10:34

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, considera que o PSdeG ten que fuxir do "modelo personalista" e "apostar polos equipos". Dende o seu punto de vista, estase a desaproveitar o traballo dos "compañeiros e compañeiras dos concellos", das deputacións e das bases do partido.

Nunha entrevista no espazo Bos días da Televisión de Galicia, o home que vai competir con Gonzalo Caballero para dirixir a formación en Galicia asegura que decidiu presentarse ás primarias tras escoitar "a mensaxe das últimas eleccións autonómicas" enviada pola sociedade galega.

Na súa opinión, o resultado dos comicios "esixe unha reflexión máis profunda" e "máis autocrítica que permita construír un espazo de conectividade e conexión coa sociedade galega para que volva apoiar este partido" no ámbito autonómico.

González Formoso subliña que durante o proceso de primarias se van "confrontar proxectos" pero non "persoas". Segundo dixo, ten unha boa relación con Gonzalo Caballero e o seu obxectivo final é "sumar e aglutinar".

O candidato estima que é "unha aposta arriscada" pero tamén "a envexa" doutras formacións. Ademais, amósase convencido de que Ferraz e a militancia acollen con satisfacción estas dúas cantidaturas "moi distantes" pero respectuosas entre si.

Noticias web

01/10/2021