CRTVG

Buscar

Evaristo Nogueira: "Se non hai probas directas, unha pluralidade de indicios importantes teñen consideración de proba"

Publicado o 27/11/2019 10:48

Evaristo Nogueira, avogado, ex-decano do Colexio de Avogados de Santiago, visitou este mércores o plató do Bos días para analizar a intervención da avogada de José Enrique Abuín e o papel do xurado.

Sobre o cuestionario que ten que cubrir o xurado, Evaristo Nogueira explicou que "o primeiro que ten que valorar ese xurado son os feitos probados. Unha vez que se poñen de acordo cos feitos probados, teñen que poñerse de acordo coa culpabilidade ou non culpabilidade do acusado. Entón é cando deben responder a ese cuestionaro para determinar os feitos probados do xuízo oral. O veredicto non ten por que ser por unanimidade. Ten que haber 7 de 9 votos para a culpabilidade e 5 para a non culpabilidade".

En canto aos debates que están abertos agora mesmo para decidir a pena de José Enrique Abuín, Evaristo Nogueira dixo que "hai tres debates enriba da mesa: asasinato, detención ilegal e agresión sexual. Se hai asasinato e previamente houbo agresión sexual o código penal actual impón unha pena da prisión permanete revisable. Polo tanto a esencia do debate pode estar en se existen probas ou non para determinar se houbo unha agresión sexual, neste caso unha violación".

E quen lles resolve as dúbidas aos membros do xurado? Nogueira explicou que: "Eles poden poñerse en contacto co presidente do tribunal do xurado, que non vai influír na decisión que vaian tomar os membros, pero que si que ten a potestade de asesoramento ante calquera dubida que xurda". Ademais, o avogado explicou que "están illados e teñen un portavoz, polo tant, se hai que transmitir calquera dúbida, é el o que se pon en contacto".

Sobre os tempos para tomar unha decisión, Evaristo Nogueira dixo que "o tempo é indefinido. Hai tres intentos para conseguir as maiorías, e se despois do terceiro intento non se conseguiron, o voceiro explica a situación e, acto seguido, disólvese o tribunal do xurado. Habería que volver a formar un xurado e tería que haber outro xuízo novamente que seguiría o mesmo proceso. E se despois dese xuízo tampouco houbese unha maioría ditaríase unha sentenza absolutoria".

"O que di o Tribunal Supremo é que se non hai probas directas, unha pluralidade de indicios importantes teñen a consideración de proba. A avogada do Chicle non tivo un traballo fácil e ela ten toda a razón: unha persoa cando entra nun xuízo non ten que probar a súa inocencia porque el entra coa presunción de inocencia", explicou Evaristo Nogueira. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/11/2019