CRTVG

Buscar

Eva Solla (EU): "Reunirémonos con Podemos-Galicia e con Anova para construír unha candidatura de confluencia"

Publicado o 11/12/2019 14:00

As próximas eleccións autonómicas levan as formacións políticas a poñer as cartas sobre a mesa. Os procesos para conformar as candidaturas ou, polo menos, os principais cabezas de lista para optar á presidencia da Xunta están a discorrer nun segundo plano, xa que toda a atención a leva a busca de apoios para formar un goberno en España.

Xa sabemos quen será o candidato do PSdeG-PSOE, tamén do BNG, aínda que este partido celebra primarias; o PP quere que repita o seu presidente e en Esquerda Unida é Eva Solla, coordinadora nacional da formación, quen presentou a súa candidatura, que deberá ser ratificada o próximo sábado polo máximo órgano do partido.

Sobre estes asuntos da actualidade política conversa Fran López Iglesias con Eva Solla no 'Bos días'.
"A partir de hoxe ímos solicitar solicitarlle tanto a Podemos Galicia como a Anova unha xuntanza na primeira quincena do mes de xaneiro para comezar a construir esa proposta común que nós cremos que hai capacidade e responsabilidade para volver construir unha candidatura de confluencia", explicou Eva Solla.

"A situación política e social esixe de nós unha responsabilidade moi grande", dixo Eva Solla, "despois de dez anos de crise, Galicia ten medio millón de persoas no limiar de pobreza, 1 de cada 4 nenos e nenas. As organizacións politicas de esquerdas temos que estar á altura".

A coordinadora Nacional de Esquerda Unida aclarou que con En Marea non ían volver repetir porque "é unha candidatura que tivo unha serie de problemas, que son públicos. A xente espera de nós que demos resposta a problemas. Nós queremos fuxir desas disputas que producía esta candidatura e que son coñecidos por todas e todos".

Para manterse unidos, dixo Eva Solla, hai "que poñer por diante os elementos que nos unen para traballar nunha alternativa de goberno. Iso ten que facerse desde o respeto á integridade das diferentes organizacións políticas".

Sobre a suba das peaxes da AP-9, Eva solla reivindicou que "necesitamos que a AP-9 sexa integramente pública integramente no noso país".

Das esixencias que lle fan ao PSOE para conformar Goberno, Eva Solla dixo que "hai elementos moi importantes, como as electrointensivas e a industria no noso país, que requiren de nós un esforzo importane. Polo tanto, estando aí, podemos tirar do partido socialista para que se adopten medidas que sirvan para impulsar a nosa industria".

Sobre o posible nomeamento de Yolanda Díaz para dirixir o Ministerio de Traballo na vindeira investidura, Solla recoñeceu que Díaz "ten gran capacidade para asumir moitas responsabilidades" e, nese aspecto, "xa se deron mostras evidentes da súa capacidade de negociación, e teño que recordar que esa suba do salario mínimo interprofesional que se deu na pasada lexislatura malograda de Pedro Sánchez foi grazas á mediación de Yolanda Díaz e outros compañeiros e compañeiras", rematou.

Sobre a moción de censura en Mugardos, Eva Solla recriminoulles aos concelleiros socialistas que "preferisen darlle a alcaldía ao PP, ademais a cambio de nada, porque non están no dentro do Goberno. É incomprensible que se entregue esta alcaldía ao PP nunha comarca que ten tantas neceisdades".

Noticias web

11/12/2019