"Eu póñome no lugar desas familias, un dos rapaces era amigo do meu fillo"
Emilio Queiruga é o patrón maior da Confraría de Porto do Son. El, xunto con outros compañeiros, foi un dos que atopou o kaiak.
"Nese momento estaba na miña lancha, porque tiña unha avaría e o patrón da lancha de Salvamento díxome que saían para a busca. Entón eu fun na miña cun amigo, buscar polos rapaces", apunta Emilio Queiruga.
"Na pedra da Filgueira, aí foi onde o rapaz que viña comigo dixo: aí está, aí está o kaiak (...). Era noite pechada, tentaron metelo a bordo e foi imposible, estaba cheo de auga".
Despois sumáronse outros barcos, segundo relata Emilio Queiruga. E contra a medianoite levaron o kaiak a terra. "Mira se tiña auga que intentamos subilo á rampla entre 8 persoas e non fomos quen. Tivo que vir o lonxeiro co chimpín e entre todos conseguímolo".
"Eu póñome no lugar desas familias. Un dos rapaces era amigo do meu fillo", indica Queiruga.
Dende ese momento iniciouse unha busca intensa por terra, mar e aire. Seguen buscando e non perden a esperanza.
"É complexo, fixemos varias buscas, e aínda sabendo o sitio exacto por onde pasan, no fondo do mar é moi complexo. O punto de referencia que temos é a rapaza que subiu polo acantilado. Pero puideron nadar, puido levalos a corrente. É moi difícil".