CRTVG

Buscar

Rafael Cuíña: "Traballamos para que a Festa do Cocido sexa recoñecida de Interese Turístico Internacional"

Publicado o 14/02/2019 11:33

No tempo de Conversa do 'Bos días', Marcos Sueiro entrevista o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña.

LI Edición da Feira do Cocido

"O segredo, sen dúbida, é o inxente traballo que se leva facendo desde hai décadas, o excelente produto, a excelente restauración que temos en Lalín, os nosos hostaleiros que están nun primeirísimo nivel e coidan o produto e saben coidar, o que para nós é a galiña dos ovos de ouro, todo o relacionado co cocido".

"Antes estaba todo centrado na Feira do Cocido, agora temos o mes do cocido, desde San Amaro a San Valentín, no que hai un montón de actividades, concertos para facelo máis atractivo para os visitantes, que consuman no excelente comercio, durma nos nosos hoteis e disfrute do entorno único do Concello de Lalín".

"Agora estamos traballando en políticas turísticas, porque Lalín, sen dúbida, é moito máis que cocido, aínda que sexa a nosa galiña dos ovos de ouro, e tamén estamos traballando para que lle recoñeza como Festa de Interese Turístico Internacional.(...) Agora xa está vindo xente doutros países, de Francia, de Portugal... e tamén nos estamos dando de conta de que tamén cambia a idade, xa non é xente de 40 e 50 anos, se non que son grupos de xente de 18 ou 20 anos que quedan para comer cocido".

Os cocidos temáticos

"Estamos facendo promoción de diferente tipo: o ano pasado tiñamos un autobús recorendo Portugal e diferentes puntos de Galicia e do Bierzo, este ano facémolo centrado nas prazas de abastos de Galicia, sempre con tapas de cocido, xa que levamos un cociñeiro, da nova xeración de cociñeiro de Lalín".


Retransmisión vía streaming dos actos da Feira do Cocido

"É unha novidade de este ano. Calquera persoa que estea en calquera parte do mundo pode seguilos en directo. É un cariño que lle queremos transmitir desde o concello de Lalín a todos os emigrantes".

"Lalín é o quilómetro cero de Galicia e ten enorme potencial, porque por alí pasan dous camiños de Santiago"

"Són a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, que atravesa o centro de Lalín, que aínda é o gran descoñecido dos camiños de Santiago e estamos vendo como medran exponencialmente os peregrinos que pasan por este camiño e estamos moi contentos neste sentido".

"Eu o que lles recomendo ás persoas é que reserven, especialmente na fin de semana, porque se non é verdade que é difícíl atopar sitio. Temos oferta suficiente para que ninguén quede sen comer cocido e tamén hai outros concellos que se están beneficiando desta situación, concellos irmáns da comarca do Deza que tamén nos alegramos por eles, pero cremos que o lugar en que se debe comer o cocido galego, loxicamente é Lalín".

Volverá presentarse á alcaldía por Compromiso por Galicia

"Xa foi anunciado hai 15 días, despois dunha primarias que tivemos abertas, e eu será, se todo vai como ten que ir, a última vez que me presentarei á alcaldía de Lalín. Queremos unha limitación de mandatos, creo que ninguén é imprescindible en política, empezando pola miña modesta persoa, así que intentarei estar catro anos máis na alcaldía e despois dedicarme a outro tipo de cuestións".

"Eu creo que a limitación de mandatos funciona ben. Non digo estar 8 anos na política e logo retirarte da política. Podes intentar acceder a outro tipo de cargos, pero insisto: creo que ninguén é imprescindible. Non entendo alcaldes que queren estar 20 anos ou 30 anos na poltrona, creo que iso vicia a súa xestión".

Acabou co feudo do PP en Lalín nas municipais

"Creo que a miña formación en Lalín ten que medrar. Si é certo que no resto das eleccións o PP ten maiorías amplas en Lalín. Eu creo que a cidadanía media está cómoda con Compromiso por Lalín e aposta por nós nas municipais".

"Non me estraña que unha boa parte da poboación estea decepcionada coa política"

"Estamos nun momento moi complicado. Estamos falando de que probablemente mañá se anuncie convocatoria de eleccións cara a finais de abril. Despois teremos eleccións municipais e europeas un mes despois. Este tipo de cuestións ninguén as entende. Á política creo que hai que ir para sentar, para falar, para chegar a acordos, non para xerar odio, que é o que estou vendo en amplos sectores da política. Son un amante da transición española e naqueles tempos víanse políticos de primeirísimo nivel que eran capaces de chegar a acordos desde o desacordo".

"Son nacionalista desde que nacín"

Estamos tamén nun momento complicado. Estamos vendo como están xurdindo novos tipos de formacións que a min me preocupa especialmente, estamos vendo como partidos que tradicionalmente gobernan en Galicia están dispostos a chegar a pactos coa ultradereita. O nacionalismo sempre ten tendencia á autodestrución, creo que é necesario dar un paso á fronte para que deixen de pasar internamente e se poida proxectar positivamente cara ao exterior; é o que non está acontecendo. Vía onte, por exemplo, a votación no Congreso os deputados de En Marea. Non entendo como deputados elixidos en Galicia, elixidos para defender os intereses de Galicia, poden votar a favor de orzamentos en contra dos intereses dos galegos".

"O meu futuro máis alá da alcaldía de Lalín o tempo o dirá, eu non son especialmente ambicioso. Meu pai sempre dicía que calquera que queira facer algo en política ten que empezar pola política municipal".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2019