Miguel Sanz: "O certificado covid será unha especie de vía rápida para pasar a fronteira"
España comezará a emitir os primeiros certificados dixitais europeos o vindeiro luns 7 de xuño. Segundo o director xeral de Turespaña, Miguel Sanz, este documento vai facilitar a mobilidade dentro do espazo Schengen, pero non será imprescindible para viaxar.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, aclara que sempre se poderá entrar noutro país comunitario "cumprindo cos requisitos que establece a súa normativa". Pero o Certificado Covid Dixital da UE, salienta, simplifica os trámites e convértese "nunha especie de vía rápida para pasar a fronteira".
Segundo explica, os países membros acordaron un regulamento básico que fixa uns criterios para viaxar con seguridade. No momento en que os positivos se disparen, cada estado poderá aplicar medidas particulares. Porén, tamén nestes casos considera que o cartón será útil porque recolle toda a información relativa a probas diagnósticas, vacinas ou padecemento da doenza.
Turismo internacional
Para Miguel Sanz, nestes momentos é fundamental fomentar as visitas internacionais porque son básicas para a economía española. No 2019 chegaron ao país 83 millóns de turistas estranxeiros. Agora, chama ao sector a traballar de xeito conxunto no produto e na seguridade sanitaria para recuperar boa parte deses ingresos e convertérense de novo en "locomotora de creación de emprego e riqueza".
E neste eido, o turismo británico xoga un papel fundamental. No ano anterior ao inicio da pandemia, 18 millóns de persoas procedentes do Reino Unidos visitaron España. "Estamos en contacto continuo coas autoridades dese país para poder entrar na súa lista verde o antes posible. Eu creo que nos meses fortes da campaña de verán o Goberno inglés vai facilitar as viaxes ao noso país", estima.
O director de Turespaña remite á páxina web spain.info para atopar toda a información sobre os requisitos necesarios de entrada en España, dende 50 países do mundo, e de regreso aos lugares de orixe.