CRTVG

Buscar

Román Rodríguez: "É preciso que o Goberno sexa consciente da importancia do Xacobeo"

Publicado o 03/03/2020 10:26

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi entrevistado este martes no Bos días, onde falou da implicación do Goberno central no próximo Xacobeo: "Gustaríanos estar falando de coordinación, planificación, investimentos conxuntos, pero vemos que o Goberno non está desenvolvendo coa intensidade que debería todo o que ten que ver co Camiño e programación do Xacobeo e desgraciadamente estamos xa en tempo de desconto", asegurou o conselleiro.

"É preciso que o Goberno sexa consciente da importancia do Xacobeo e aposte por el de xeito decidido para poder impulsar un proxecto vital para Galicia e o conxunto de España", insistiu Román Rodríguez.

Para o responsble de Cultura e Turismo "hai dúas posibilidades: despreocupación ou espera a que as eleccións autonómicas fixen un cambio de goberno ao seu favor e entón si implicarse. Prefio o primeiro que o uso partidista".

"Hai que tentar que haxa tempo pero as solucións pasan por unha implicación real", di Román Rodríguez. "Hai que deixarse de comsións e falar de investimentos. É tempo de planificación, investir e ter planes. A Xunta tenos con 250 millóns de euros de intestimento, a programación para promoción da imaxe de Galica e pensamos que o Goberno aínda está a tempo de transferir recursos ao consorcio, á Xunta de Galicia ou aos concellos".

"O Xacobeo é no ano 21 e non podemos estar agardando a un proceso electoral para tomar decisión porque non chegamos a tempo. Faltan menos de dez meses", insistiu Román Rodríguez.

Respecto a como a epidemia do coronavirus pode influír en toda esta planificación, o conselleiro de Cultura cre que "estamos ante un problema sanitario que nos fai estar alerta pero non caer no alarmismo. É unha situación inédita e debemos ter preparados protocolos para que se xorde un caso vencellado ao sector turístico ter as medidas para poder afrontalo". "O Xacobeo mobiliza millóns de persoas, moitas do estranxeiro. Temos que avalialo, non precipitarnos, ser sensatos e non caer no alarmismo", asegurou. 

"Imos comezar unha liña de traballo para que en caso de que xurda unha problemática ter a resposta inmediata para dar solución a un problema sanitario que afecta ao turismo e a outras actividades económicas. E agardamos que de aquí ao 2021 isto estea encamiñado. Eu creo que hai que dar certezas. España ten un dos mellores sistemas sanitarios do mundo", explicou Román Rodríguez, quen insiste en "lanzar unha mensaxe de cautela, tranquilidade e estar preparados pero sen alarmismo".

Ademais, anticipou que "hoxe fixaremos liñas de traballo coordinadas por Sanidade. Temos que estar a disposición das directrices que marque Sanidade ante unha situación de rango nacional e internacional".

 

Noticias web

03/03/2020