CRTVG

Buscar

Francisco Conde: "Estamos pagando a política enerxética desordenada do Goberno"

Publicado o 17/10/2019 10:08

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, conversou no Bos días, con Fran López iglesias onde asegurou que "estamos pagando unha política enerxética desordenada por parte do Goberno. Estase primando unha ruptura fronte a unha aposta pola industria. O Goberno ten capacidade para actuar e favorecer o tecido industrial. No caso de Alcoa non hai unha aposta pola produción de Aluminio primario en España".

No que respecta á situación da central das Pontes, o conselleiro cre que "no caso das centrais térmicas, España está traballando a contra corrente. O resto de países europeos manteñen abertas as centrais térmicas, e aquí Endesa fixo un investimento de 200 millóns de euros para cumprir coa normativa europea, e o Goberno penaliza a posibilidade de produción de enerxía con carbón. A situación é unha inacción e unha situación do Goberno quen fronte a industria, bonifica outro tipo de actuacións".

Para Conde "a solución é asumir a loita contra o cambio climático, compartida por todos os Gobernos, tamén pola Xunta de Galicia, pero que ten que ser en igualdade de condicións, cunha transición. Non podemos afrontar unha reconversión sen que haxa alternativas. Ten que haber alternativas. A Comisión Europea está establecendo fondos para afrontar esa transción a partir do ano 2021. Non podemos compartir unha ruptura como se está traladando. A transición require un traballo de futuro e que o impacto non recaía sobre os traballadores. Agora mesmo o Goberno traslada aos traballadores o custo de esa transición enerxética. Non é xusto".

Desde o Goberno galego, di Francisco Conde, asumen que ten que haber cambios no sector para facelo máis sostible: "Loxicamente, a loita contra o cambio climático ten un custo, e hai que asumilo de unha forma proporcionada. Esa transición ten que dar alternativas de emprego as comarcas que teñen centrais térmicas. Nós pedimos ao goberno que abandone esta situción de bloqueo, que asuma que está só fronte á Comisión Europea, a Xunta, o concello das Pontes, os traballadores. Que rectifique e nos dea oportunidades para afrontar esa transición".

Para a planta de Alcoa en San Cibrao, para o conselleiro a solución non pode ser outra que uha rebaixa no prezo da enerxía: "Alcoa precisa que haxa un custo da enerxía entre 30-40 euros megawatio, pero o Goberno ten que marcar as medidas para acadar ese prezo. Nestes momentos levamos un ano para que adopte medidas nese sentido, no camiño Alcoa Coruña deixou de producir aluminio primario, e se oGoberno non acorda ese prezo, Alcoa San Cibrao tamén o fará e afectará a 600 empregos en Cervo. Non hai nada que impida que o Goberno aprobe ese prezo eléctrico e dar certidume aos traballadores".

Tanto da situación dunha empresa como da outra, Conde fai responsable ás políticas do Goberno central: "Lamentablemente estalle dicindo non a Alcoa e as Pontes e iso é unha desconexión que non merecemos e que ten repercusións no emprego".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019