Concepción Campos: "Nas oposicións hai que avaliar outras competencias ademais da memoria"
A elevada temporalidade do persoal público é un dos grandes problemas da Administración en España que o ministro do ramo quere abordar coa reforma do seu Estatuto Básico. Concepción Campos, secretaria do Goberno local do Concello de Vigo, forma parte do comité que vai asesorar a Miquel Iceta na actualización desa lei.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, asegura que a crise do ano 2008 xerou distintas problemáticas na Administración local, autonómica e estatal que agora hai que abordar con solucións apropiadas a cada caso.
"Algúns tribunais de xustiza xa se pronunciaron", subliña, "pero agora toca empezar a ordenar" para saber onde nos atopamos. Na súa opinión, é preciso distinguilas, analizar "cales poden acollerse á mesma solución e, a partir de aí, aprobalas".
Cambiar o modelo de oposición
Outro dos aspectos que se quere modificar é a captación de talento. Segundo Concepción Campos, hai que pasar do modelo puramente "memorístico" cara a unha oposición en que tamén se teñan en conta outras habilidades, as chamadas "competencias brandas". Neste sentido, aposta polas entrevistas condutuais ou polos convenios coas universidades para facilitar prácticas previas aos procesos selectivos, como se fai noutros países.
Do mesmo xeito, considera necesario actualizar as funcións dos postos base (auxiliares, administrativos…) tras o avance da dixitalización e a intelixencia artificial que automatiza determinadas tarefas. "Hai que recapitalizar ese tempo e orientalo a unha maior atención á cidadanía", salienta.
Proceso de dixitalización
Sobre a dixitalización, recoñece que a pandemia acelerou o proceso, pero existen moitas diferenzas entre administracións.
"No ámbito local topamos fortes asimetrías, con concellos que funcionan moi ben e outros, non tanto. De feito, máis do 80 % dos municipios con menos de 5.000 habitantes teñen escaseza de medios e de recursos" e "algúns non dispoñen sequera dunha conectividade suficiente para prestar servizos dixitais".
Neste eido, pensa que aínda queda moito por facer porque, segundo a última enquisa do INE, o rango poboacional que se relaciona electrónicamente coa administración pública non chega ao 70 %. Ademais, preocúpalle a fenda de idade xa que o núcleo de persoas que fan trámites a través da Rede teñen entre 25 e 52 anos.
Administración "cidadanocéntrica"
Para Concepción Campos, doutora en Dereito, a dixitalización "é fundamental" porque "reduce cargas administrativas" e "a burocracia tradicional". Tamén considera que o teletraballo forma parte do deseño de futuro pero sen esquecer as persoas que non queren ou non poden utilizar estes servizos. "A Administración non debe ser tecnolóxica, senón cidadanocéntrica", asegura.