Senén Barro: "As máquinas son moi boas dando respostas, pero as preguntas aínda as facemos nós"
Senén Barro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), foi entrevistado esta mañá no Bos días para falar sobre a intelixencia artificial e os labores das máquinas no futuro. Ademais, esta mañá presentará en Compostela o Informe de Innovación e Tecnoloxías Intelixentes que Barro desenvolveu conxuntamente con Lasse Rouhiainen, experto en intelixencia artificial.
O catedrático comezou a conversa sinalando que, a grandes trazos, a intelixencia artificial lévana a cabo as "máquinas que aprenden por si mesmas, melloran o seu comportamento na interacción co medio ou máquinas que teñen un grao de autonomía grande".
"Hoxe aínda é fácil distinguir entre ser humano e máquina, pero cada vez a distinción será menor", afirmou, antes de facer referencia á estimación do Foro Económico Mundial (FEM) que sinala que as máquinas levarán a cabo o 42% dos traballos en 2022, e afondou: "Neste momento xa o 29% do traballo está automatizado, pero aumentar en 13 puntos en 2 anos vai a significar trasladar uns 75 millóns de empregos de persoas a máquinas, aínda que tamén se estima que se poidan crear máis de 100 millóns de empregos".
O experto falou dos tipos de traballos que se poderían substituír polas máquinas: "Pérdense os que desenvolven tarefas máis predicibles ou pautadas" e os "que requiren de certas competencias conceptuais de baixo e medio nivel". Ademais, actualmente "hai máquinas que quedan de finalistas en concursos de guións e películas, que escriben obras literarias, que pintan cadros", e "isto cada vez vai ser maior", advertiu.
Pero, como expuxo Barro, tamén hai características que benefician aos humanos: "As máquinas son moi boas dando respostas, pero as preguntas aínda as facemos nós", e recoñeceu que "unha forma de poñernos en valor é que nós somos os que estamos creando estas máquinas".
Chegará o día en que os humanos poidamos chegar a ser prescindibles? Senén Barro agarda que non, pero advertiu sobre o futuro: "Cada vez empregaremos as máquinas en beneficio noso e espero que en beneficio colectivo. Hoxe, as máquinas, sobre todo, as máquinas intelixentes, están facendo que se concentre o beneficio e a riqueza derivada delas en menos persoas, e iso é un aspecto que temos que atender".