Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de CxG: "O BNG tomou a decisión de sumar máis á esquerda"
Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso por Galicia, foi entrevistado esta mañá no Bos días da Televisión de Galicia para falar sobre a súa presentación en solitario nos comicios do 5 de abril, para os que non logrou un acordo co BNG. "O BNG tomou a decisión de sumar máis á esquerda", por iso "nese sentido as conversas non frutificaron", sinalou.
O secretario xeral de Compromiso por Galicia expuxo que a súa forza política lle achegaría ao Bloque Nacionalista Galego "o mesmo que lle achegamos nas eleccións xerais: unha visión de país transversal, unha visión de Galicia con pleno goberno e plenas competencias". Ademais, tamén engadiu que falou con outras forzas políticas: "Nós tivemos conversas con En Marea ata o último día de peche das coalicións".
Para Piñeiro, estas eleccións autonómicas "son unhas eleccións transcendentais dada a situación de emerxencia no industrial, as negociacións da PAC, a necesidade de avanzar no autogoberno". Tamén definiu Compromiso por Galicia como un "proxecto de ámbito galego, de forte defensa do sector público e os servizos sociais, pero cun compoñente importante de sentido común no económico".
As súas expectativas de cara á cita coas urnas son "facer unha campaña digna e explicar o noso proxecto de país". Segundo explicou, en Galicia "hai unha emerxencia industrial potente, que non se lle está dando resposta desde o Goberno central, e hai unha necesidade de avance no desenvolvemento do Estatuto de Autonomía para ir cada vez gobernándonos os galegos máis a nós mesmos no noso marco", rematou.