CRTVG

Buscar

Sánchez Bugallo: "Todo o que pasa en Santiago ten repercusión fóra da cidade"

Publicado o 26/07/2021 09:50

“Extraordinariamente contento", dicía estar este luns o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nunha entrevista no Bos días, tras a celebración nesta fin de semana da festividade do Apóstolo e despois de conseguir reunir o Real Padroado da Cidade que comprometeu investimentos na cidade para os próximos anos.

"Tradicionalmente a festa do Apóstolo sempre sae ben, pero teño que recoñecer que esta fin de semana foi sinxelamente excepcional. O tempo foi mellor do agardado. Acompañounos. Puidemos gozar dos espectáculos, dos fogos, os actos institucionais desenvolvéronse excepcionalmente ben e despois de 18 anos reuniuse o Real Padroado e aprobou un gran programa de investimentos e actuacións na cidade para os próximos 11 anos", explicaba o alcalde.

Bugallo explicou nesta entrevista o complicado que foi conseguir casar todo para que se dese unha concentración de autoridades como a que houbo este domingo en Santiago e se puidese dar ese resultado final: "O día 25 é un día de concentración de actos e actividades extraordinario. O presidente do Goberno o día anterior estaba nos Estados Unidos. Había que casar a súa axenda, pero tamén a das vicepresidentas, ministras e ministros… e que se produciran as circunstancias. Onte estabamos todos moi contentos. O Rei o primeiro, porque el está moi satisfeitos que administracións gobernadas por partidos distintos son capaces poñerse de acordo. Tamén o presidente da Xunta e do Goberno, que viron no 25 de xullo unha oportunidade extraordinaria para superar diferenzas e dificultades".

E en canto ao resultado desa reunión do Real Padroado, o acalde compostelán anticipa que se verán os seus efectos máis alá da capital galega: "Todo o que pasa en Santiago ten repercusión fóra da cidade. É a capital de Galicia e unha cidade simbólica e representativa para todos os galegos, pero tamén o é para os españois. Posiblemente sexa unha das máis cidades simbólicas en España".

"Dicíao o Rei que España probablemente non se coñecería como é hoxe se non fose por Santiago e polos diferentes Camiños. Serviron para unir e articular este país ao longo dos séculos. Galicia sería un país completamente diferente. É moi normal e lóxico que para o conxunto do Estado, cando hai momentos de conflito e indefinición busca elementos que son comúns a todos. Os Camiños unen todo o territorio peninsular, incluído Portugal", asegurou Sánchez Bugallo.

Entre os proxectos que se van acometer destaca un, pola súa singularidade: A reorganización de fluxos de repartición e transporte dentro da parte vella de Santiago. "A cidade histórica témola moi saturada, pero o tema de repartición de mercadorías é moi complicado e querémolo reorganizar. Estamos avanzando. Van chegar dentro duns meses dous vehículos robotizados e queremos experimentar nesa repartición de mercadorías. A nosa idea é crear un centro loxístico e desde aí facer o traslado ao centro histórico", avanzaba o alcalde.

Bugallo explicou que o rei Filipe VI era un dos máis satisfeitos co resultado desta reunión: "El levaba tres anos intentando facilitar esta reunión e estaba moi contento. Tamén o presidente do Goberno de España. Recoñécese que é un traballo ben organizado e planificado".

Pero esa satisfacción facíaa extensible a todos os participantes: "En realidade creo que todo o mundo quería que este encontro se producise. Obviamente non estaba exento de dificultades, pero sempre atopei a colaboración da Xunta e da Delegación do Goberno e da Moncloa. Tivemos moitos cómplices e moitas persoas empeñadas en sacar isto adiante".

Noticias web

26/07/2021