CRTVG

Buscar

José González: "Para loitar contra os incendios é importante a prevención e fai necesario o reforzo das brigadas"

Publicado o 13/02/2019 09:30
No tempo da Entrevista do 'Bos días', Marcos Sueiro conversa co conselleiro do Medio Rural, José González.
 
Primeira comparecencia no Parlamento
 
"Na primeira comparecencia, despois do nomeamento como conselleiro, quixen anunciar as que ían ser as liñas estratéxicas do noso traballo, e dentro dun problema moi grave que temos en Galicia, que son os incendios, teño que dicir que, despois da vaga de lume de 2017, que motivou que o presidente Feijóo anunciara 30 medidas, e a que se creara no Parlamento unha comisión de estudo da reforma forestal para loitar contra da eiva dos incendios. Dentro desas medidas, unha delas é, precisamente, o reforzamento do servizo de loita contra os incendios e que a xente que estaba a traballar tres meses, os fixos descontinuos, amplíen o seu tempo de traballo. Así, dende o ano 2018 ao 2020, imos pasar de tres a 6 meses de período mínimo. É unha medida que vai reforzar o servizo e tamén lle vai dar maior versatilidade; van traballar na extinción, pero tamén na prevención. Para loitar contra os incendios o importante é anticiparse".
 
"Ampliamos a temporada de máximo risco de incendios no 2018 a catro meses, no 2019 iremos a 5 meses e no 2020 iremos a 6 meses".
 
"Galicia non arde, Galicia quéimana"

"Tres de cada catro incendios son intencionados, o que é unha problemática importante. Na primeira quincena de xaneiro houbo 90 incendios dos que 80 foron intencionados. Produto desa reflexión entendemos que hai que traballar moito máis na prevención. Fixemos unha reestruturación na Consellería para que houbese unha dirección xeral dedicada exclusivamente á defensa do monte".
 
Prezo do leite e situación das explotacións gandeiras
 
"Estou tremendamente orgulloso da calidade dos nosos empresarios gandeiros, das condicións hixiénico-sanitarias das nosas granxas, do benestar animal, e da preocupación que teñen eles pola calidade do seu produto. Eu diríalles aos consumidores que hai que consumir moito leite galego porque é dunha calidade extraordinaria".
 
"O prezo do leite leva a bastante debate, pero eu diría que hoxe temos melor prezo que en 2016. Estamos tamén cun incremento de facturación e cun incremento do volume de produción. Creo que en este ano se dan as circunstancias para que se faga unha reflexión de por onde ten que ir o sector. Eu creo que ten que ir pola vía da transformación do produto".
 
Fusión de cooperativas
 
"Temos xa cooperativas xa fortes, moi profesionais, que están facendo un bo traballo no campo e no sector lácteo e tamén noutros sectores, como as cooperativas vitivinícolas. Entendemos que ten que haber un reforzamento do sector que nos permita negociar mellor o prezo do leite. Ten máis forza nas negociacións se se agrupan".
 
"As nosas explotacións son custodios do territorio".
"Temos que traballar para que ninguén abandone o rural galego por falta de base territorial, hai que recuperar as terras para as explotacións".
 
"O viño ten que ser a punta da lanza da nosa promoción internacional"
 
"Unha cousa importante é que o sector do viño logrou ligar a calidade do viño ás variedades autóctonas. A maioría dos produtos galegos están en D.O. ou indicación xeográfica protexida. Son figuras que protexen os nosos produtos dunha posible fraude fronte á competencia externa".
 
"O aceite de Galicia tamén está ligado a variedades autóctonas".
"Identifícase como aceite de calidade. Están identificadas 19 variedades autóctonas de oliva galega. Estamos a traballar no desenvolvemento do material xenético para poñelo a disposición dos produtores".
 
"A remuda xeracional é un obxectivo da agricutura galega e a nivel europeo"
 
"Nos últimos 10 anos incorpóranse ao campo galego uns 500 mozos e temos que traballar para que esas incorporacións sexan as mellores, con axudas. E quero referirme aos que están afectados pola declaración das axudas, agora teñen a oportunidade de reclamar que se lles devolva o que lles cobraron de máis".
 
"Neste momento, na UE estamos na negociación do período 2021-2027"

"A Unión Europea é un mercado excepcional para os nosos produtos. A maior parte do que nós exportamos vai para a UE e tamén é unha financiadora moi importante do agro galego. Estamos coa Unión Europea no desenvolvemento da PAC e neste momento estamos na negociación de 2021 a 2027. Galicia quere recoller as peculiaridades das nosas explotacións".
 
"O rural de Galicia ten moito futuro"
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019