CRTVG

Buscar

Santiago Agrelo: "Quen odia as persoas migrantes perdeu a humanidade"

Publicado o 25/05/2021 12:42

O arcebispo emérito de Tánxer, Santiago Agrelo, lamenta que as persoas máis necesitadas sexan sempre as que paguen as consecuencias dos enfrontamentos entre estados ou partidos. Durante anos, traballou en Marrocos xunto as persoas migrantes subsaharianas que chegaban ao país tras un longo periplo para tentar chegar a Europa.

O transfondo da crise de Ceuta déixao indiferente, pero non a sorte de toda a xente que viviu ese conflito como unha oportunidade para alcanzar o seu soño. Lembra que estas persoas precisan todo, porque non teñen nada, nin sequera papeis. "Practicamente es unha persoa sen nome, sen dereitos", asegura, "e para a Igrexa é unha responsabilidade, moito máis que administrar os sacramentos, estar a súa beira para aportar o que estea nas nosas mans".

Santiago Agrelo salienta que estas persoas levan anos no camiño, "deixaron as súas casas, percorreron milleiros de quilómetros e pasaron moitísimos perigos". Moitas nin sequera chegan á fronteira e, as que o conseguen, loitan ata o final para conseguir o seu obxectivo. "Buscaron ese momento, non por capricho ou aventura, sabendo que poden morrer no intento", subliña, "e iso debería obrigarnos a pensar que está pasando", por que "a súa vida ten que ser tan dramática e a nosa tan sinxela".

Considera unha "inxustiza" intolerable que por nacer en África non poidas ter un día tranquilo na túa vida. "Eu síntome mal co meu benestar" polo simple feito de ser de Rianxo, asegura.

Por iso, pensa que o discurso do odio contra quen sexa "non ten cabida no corazón dunha persoa crente". Ao seu entender, "odiar a quen ten fame é odiar a Deus". Neste sentido, asegura que as persoas migrantes dóenlle moito, pero máis lle doe a situación de quen as odia, porque significa que "perderon a súa humanidade" e teñen menos remedio. "Paréceme tan penoso que me fere", engade.

Porén, o arcebispo emérito non perde a esperanza nun mundo mellor, representado en xestos coma o de Luna, a voluntaria de Cruz Vermella que conmoveu coa súa aperta. "O caso é sintomático. Todos nos sentimos representados nela. Coido que hai un sentimento xeral de que esa rapaza representa o mellor de nós mesmos", explica, "pero logo hai unha discrepancia nos feitos e a sociedade segue o seu camiño".

"Eu soño unha sociedade Luna, unha sociedade acolledora, da tenrura que, no fondo, é o que máis necesitan esas persoas que chegan", conclúe.

 

Noticias web

25/05/2021