CRTVG

Buscar

"Ante a peor crise dos últimos tempos, temos que acertar porque está en xogo o futuro”

Publicado o 22/07/2021 10:49

A voceira nacional do BNG Ana Pontón, entrevistada este xoves no Bos días, asegurou que o gran reto nestes momentos é como se afronta a saída da crise causada pola pandemia da covid−19. “O certo é que estamos ante a peor crise sanitaria e económica dos últimos tempos e temos que acertar porque está en xogo o futuro”, afirmou Pontón.

Na véspera do 25 de xullo, reflexionou sobre a posición da fronte nacionalista, principal forza da oposición ao goberno da Xunta: “O que vemos é que o BNG suma apoio social e electoral e que somos alternativa ao PP. Estamos ás portas dun 25 de xullo especial para celebrar que somos un gran país, pero tamén marcado por esta pandemia, recordando os que xa non están e facendo un recoñecemento á sociedade”.

“O importante en política é cales son as alternativas que defendemos. Estamos nun momento en vemos un presidente da Xunta máis preocupado en facer oposición que en pensar en alternativas de futuro. Está pasando por exemplo cos fondos Next Generation. Nós dicimos que ou ben non hai plan ou hai algo que ocultar”, dixo Ana Pontón, quen situou na política industrial un dos principais problemas do país.

“Vemos que son as eléctricas as que optan á maior cantidade deses fondos e parécenos un disparate que empresas que se están enchendo de maneira obscena leven eses cartos en vez de utilizalos para que cheguen ás pequenas e medianas empresas ou para darlles unha oportunidade aos mozos e evitar que teñan que coller as maletas”.

“Nós o que cremos é que se repartiron en Europa por estados, o lóxico dentro do Estado español é que se teña en conta a territorialización. Estamos vendo que o deseño centralizado vai ir en contra dos galegos e das galegas”, explicou para definir a postura do BNG ante o reparto dos fondos europeos.

“Temos unha riqueza enorme. Estou convencida de que temos todo para ser a envexa de Europa, pero hai que cambiar o modelo. Hai que apostar por producir, hai que facelo dunha maneira sustentable. Hai que apoiar a ciencia e a investigación. Hai sectores en que poderiamos ser punteiros, pero necesítase un plan de país, e nestes momentos temos un goberno que está desaparecido”, insistiu Pontón.

“O BNG o que non pode facer é o traballo do señor Feijóo", explicou a voceira nacional do BNG para referirse ás cuestións que teñen que ver coas negociacións co Goberno central. "El ten que ser o que negocie este tipo de cuestións, pero o Bloque cando puido determinar a política estatal fíxoo. Hai un acordo de investidura e o señor Sánchez ten que cumprir e non repetir a discriminación que practicaba o Partido Popular”.

A cuestión da enerxía e dos seus custos é un dos grandes eixos de acción do BNG nas últimas semanas. “Estes días estamos escandalizados co prezo da luz, e eu pregunto por que Feijóo veta unha tarifa galega? Por que non quere que os galegos nos beneficiemos da nosa riqueza eléctrica?", dixo Ana Pontón. "Todos os países do noso ámbito teñen tarifas diferenciadas nas zonas produtoras de enerxía. E aquí o que temos é un presidente que veta a tarifa eléctrica galega e prepara un boom eólico depredador que é unha bomba para o rural. Entendo que o presidente de Iberdrola se abrace a Feijóo, porque lle está poñendo unha alfombra vermella”.

Pero máis alá da situación concreta de Galicia, Pontón dixo: “Non é normal que paguemos a enerxía máis barata ao prezo da máis cara, porque é como pagar un bocadillo de tortilla a prezo de cigalas. E por que pasa isto no Estado español? Porque as eléctricas mandan máis que os Gobernos e vemos que expresidentes e exministros acaban sentados nos consellos de administración desas empresas”.

Respecto á sentenza sobre a prórroga de ENCE e as súas consecuencias, asegurou: “Quen pon en risco o emprego en ENCE é a propia dirección da empresa e o Partido Popular. A Xunta e ENCE teñen que poñerse mans á obra para que se produza ese traslado porque o que vemos é que hai unha sentenza moi clara”.

Pontón non é partidaria de destinar fondos da UE a favorecer o traslado da factoría: “Nós temos que usar os fondos europeos para a rexeneración dese espazo. ENCE leva anos gañado miles de millóns de euros e pode facer ese traslado se quere. Seguir chantaxeando as institucións públicas non é o camiño”.

Respecto a Alcoa, cre: “Non nos podemos fiar de ninguén. Temos a Xunta desaparecida. O Ministerio está incumprindo as resolucións do Congreso e do Parlamento. Por iniciativa do BNG, reclamouse unha intervención pública, e non facelo lévanos á situación en que estamos sometidos á empresa que xoga os seus intereses, cunha falta de política industrial e de valentía dos gobernos por defender o emprego”.

Ana Pontón espera poder poñer sobre a mesa a Galicia no centro do debate nos próximos meses, máis alá de que outras cuestións como Cataluña acaparen protagonismo político.  “O que me preocupa é que a axenda pública estatal non pivote sobre Galicia. Temos un reto moi importante que é non ter unha nova xeración perdida de galegos e galegas. Necesitamos un novo modelo alternativo que lle dea futuro á xente aquí”, afirmou.

Estamos vendo un Goberno galego que non aprendeu do que pasou na covid−19. Porque aprender sería reforzar a sanidade pública, non poñela contra as cordas como estamos vendo agora no verán. Sacar leccións da crise sería non obviar o que pasou nas residencias, que puxo de manifesto o problema da privatización. Hai que ir a un novo modelo”, inisistiu a líder do BNG, quen cre que "a saída da crise é unha cuestión central en que Galicia ten que ter a súa propia axenda, e dentro dela ten que estar o reforzo dos servizos públicos, darlle oportunidades á xente nova e un autogoberno real para afrontar os retos de futuro”.

Respecto á situación actual da pandemia dixo: “Estamos vendo que os Gobernos foron sempre por detrás do virus, que non houbo capacidade de anticipación e que se precipitan nas medidas. Vemos a incapacidade para dar resposta. Creo que é moi inxusto criminalizar a xente nova, cando durante estes meses tivo un comportamento exemplar”.

Pontón rematou facendo un chamamento aos galegos e galegas para que acudan á manifestación do próximo 25 de xullo porque, asegurou, "somos un país que ten todo por gañar".

Noticias web

22/07/2021