CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "Estas xerais son para que os galegos recuperen a voz propia"

Publicado o 20/02/2019 14:38

"Desde o BNG cremos que estas eleccións xerais son para que os galegos recuperen a voz propia. Temos as portas abertas para que todos os colectivos que queiran se sumen para facer unha defensa de Galiza, dos nosos intereses. Este é o elemento clave. Se algo nos deixou claro esta lexislatura é que os partidos de ámbito estatal pasan olimpicamente dos galegos e das galegas. Os galegos botaron de menos a voz do BNG no Congreso. Vimos de dez anos de recortes nos orzamentos do Partido Popular, e, despois, a alianza do PSOE, Podemos e En Marea o que produce é máis discriminación. Estou convencida que non haberá maioría no novo Congreso".

Ana Pontón non quixo valorar a oferta de diálogo do secretario xeral de Compromiso por Galicia para unirse os partidos políticos galegos, da que dixo que soubo por un medio público.

"O que é claro é que os galegos debemos recuperar unha voz propia, sen ataduras. Cando non hai maiorías podemos reclamar, por exemplo, unha tarifa eléctrica adecuada, ou loitar polos postos de traballo en risco, mellorar as pensións, xa que temos as segundas máis baixas do Estado, ou a 'estafa' das peaxes".

"Os orzamentos son a escusa para Pedro Sánchez para a convocatoria de eleccións. Eran os peores orzamentos para Galicia, xa que non atendían as necesidades da sociedade galega".

"Foi unha lexislatura que nos deixou un sabor agridoce. Tiñamos expectativas, pero houbo unha involución democrática".

Á pregunta de se os deputados de En Marea fixeron un traballo ineficaz, Ana Pontón non se quixo referir a ninguén en particular.

"Os 23 deputados de Galicia non fixeron nada por arranxar a discriminación de Galicia. Non estamos para ver o que pasou, senón o que pode pasar. O BNG ofrece responsabilidade, un proxecto unido e sólido e estaremos en todas as institucións para defender os dereitos nacionais e sociais dos galegos".

Sobre as eleccións municipais e europeas dixo: "Presentámonos con moita convicción". "Se algo non me gusta é criticar a realidade. Temos a nosa organización preparada e imos ir por todas".

Apoio aos independentistas

"Os galegos estamos pola solución dialogada dos debates políticos, segundo as últimas enquisas. Dáme a sensación que o que lles custa entender aos galegos é que o presidente da Xunta cancele unha viaxe oficial a Miami para asistir a unha manifestación da extrema dereita cunha idea desfasada e rancia e faga oídos xordos á defensa da sanidade pública".

"Imos nunha coalición nas Europeas con organizacións coas que compartimos valores como, por exemplo, ser republicano ou a defensa das nacións sen estado. Coa candidatura de Ana Miranda dámos voz á defensa dos intereses dos galegos. Hai unha utlidade nesa representación".

"Non sei que problemas pode ter aliarse con Bildu e Esquerra Republicana, son partidos democráticos que defenden valores avanzados, republicanos. Non estou pola criminalización das forzas políticas".

"Estou animada, estou ilusionada porque creo que en política sen paixón non seriamos capaces de facer nada".


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2019