CRTVG

Buscar

Ana Pastor (PP): "No Congreso dixéronse cousas que van en contra da Constitución"

Publicado o 04/12/2019 11:33

Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso na XIV lexislatura, falou hoxe no Bos días sobre a polémica na constitución das Cortes Xerais.

"O PSOE, que dicía que lle facía un cordón sanitario a Vox, é o que lle permitiu a este partido entrar na mesa do Congreso. E por outro lado Vox, que dicía que se lle facía un cordón sanitario, foi o que puxo un cordón sanitario para que non entraran os señores de Ciudadanos na mesa. É unha pena porque esta é a casa de todos os españois. Creo que non se pode permitir non acatar a Constitución. Os que actuamos con responsabilidade ímolo seguir facendo e imos defender os intereses de todos os españois", explicou Ana Pastor.

Sobre a validez de xurar polos presos políticos ou pola república catalá, Ana Pastor asegurou: "Onte dixéronse diversas cousas e moitas delas van en contra dos principios e da Constitución e polo tanto iso é o que vai recorrer o noso partido porque entendemos que se está falando de algo moi importante que é xurar e prometer. É o momento no que un deputado adquire a condición de deputado. O PSOE está negociando cun partido fuxido da xustiza e con outro que está no cárcere. E ademais chámaselle conflito político a que a xente incumpra a lei. Non se poden confundir as palabras, e en España non hai presos políticos, hai xente que salta a lei, e é aí cando os xuíces actúan".

Ana Pastor tamén salientou que "hoxe, na mesa alguén con trinta e poucos escanos ten tres reresentantes e nós temos 91 pero só dous representantes. É democracia, pero aquí non saen as contas".

O ex-presidente Mariano Rajoy entende que o PP agora mesmo debe ser oposición e sobre iso Ana Pastor di: "Coincido con Rajoy e o PP neste momento é a alternativa a Sánchez e a alternativa na que poden confiar os españois. O que nos toca agora é facer unha oposición leal traballando polo que lle importa á xente, e por suposto polo futuro dos galegos. Os galegos non son máis ca ninguén, pero tampouco podemos ser menos ca os demais".

 

Noticias web

04/12/2019