Adriana Domínguez: "A xente está moi acostumada a mercar e tirar, queremos concienciar sobre unha nova forma de consumo responsable"
A conselleira delegada da firma téxtil Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, visitou hoxe o programa 'Bos días' da TVG para falar da campaña 'Ropa vieja', unha nova colección que presenta deseños de hai 30 ou 40 anos para reivindicar unha moda sostible.
"O máis importante sempre é o cliente, saber onde está a sociedade hoxe en día, que necesidades ten. O que queremos é concienciar sobre unha nova forma de consumo porque vemos que é o que a xente nova demanda e moitas veces non atopan marcas que respondan a isto", asegurou Domínguez na entrevista.
"A intelixencia dun director xeral é estar un pouco por diante das tendencias para recollelas ben, e eu penso que a xente nova sabe que isto é unha cousa moi importante para o planeta", engadiu.
Segundo a directiva, o xermolo desta campaña é que "vimos é que era moi necesario falar coa xente para entender outra vez o que era o importante de Adolfo Domínguez e o importante é que é roupa atemporal, que é especial, que é única e que dura moito tempo. A xente está moi acostumada a mercar e tirar e nós queremos falar do que nós somos, pero tamén do que pensamos que ten que ser un consumo responsable".
Sobre a situación actual da empresa, Domínguez, que se fixo cargo dela hai tres anos, asegurou que "o grandioso do exercicio que estamos facendo é que o estamos facendo con capital propio, sen recursos externos, sen débedas, sen crédito de ningún tipo. Aumentamos un 26% as vendas comparables en 3 anos con 153 puntos de venda menos".
Como sinalou Adriana Domínguez, "este cambio de rumbo fíxose coa nosa canteira, coa xente que xa tiñamos, sen ningunha fichaxe externa, potenciando o propio e mirando cara ao futuro". "Para nós nesta empresa é moi importante traballar desde Galicia, é onde se producen todas as sinerxías e onde están practicamente todos os servizos centrais e todo o persoal", asegurou.
No transcurso da súa entrevista no 'Bos días' e ao preguntarlle sobre a súa decisión de dar un paso adiante para facerse cargo da empresa familiar, Adriana Domínguez explicou que "para min facerme cargo de Adolfo Domínguez foi unha decisión de responsabilidade: é a empresa que fundaron os meus avós, a empresa pola que os meus pais deron toda a súa vida e eu non podía ver como se viña abaixo o proxecto".
Na súa conversa con Francisco López Iglesias, tamén opinou sobre os primeiros pasos do novo Goberno de España, concretamente sobre a suba do salario mínimo interprofesional.
"A nosa empresa vai por diante en moitas cousas, como os horarios (en fábrica saen ás 16.15 h todas as tardes e temos transporte de empresa) e temos medidas que permiten a conciliación. No noso caso, a brecha salarial é positiva a favor das mulleres. Así que eu penso que todo o que favorece que a xente estea contenta no traballo, está ben".
Finalmente, sobre os próximos proxectos desta firma galega, Domínguez avanzou que "estamos a punto de lanzar un proxecto moi importante no dixital, que dará moito que falar, e, ademais, apoiar moito os accesorios para nós é moi importante".