CRTVG

Buscar

Alfonso Rueda: "A situación de Venezuela é inaguantable"

Publicado o 18/02/2019 12:30

Na entrevista do Bos Días, Marcos Sueiro conversa con Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

Maratón electoral

"Xa contabamos coas eleccións municipais, que eran o 26 de maio, o que non contabamos é que o presidente do Goberno, que nós lle estabamos pedindo que sexan as eleccións canto antes, pero que non tomara esta decisión pensando exclusivamente no seu interese electoral, e se mo permite case no interese persoal, e marcar as eleccións con menos de catro semanas de diferenza; cando o máis normal, o máis lóxico, polo menos desde o punto de vista dos recursos públicos, 200 millóns de euros que é o que vale montar unhas eleccións, o normal e o esperable era que se fixesen todas xuntas, que o domingo 26 de maio se puxesen dúas urnas máis enriba da mesa e aforrar un mes máis de campaña electoral, un gasto público que non tén por que ser e, se mo permite, un fartazo da xente perfectamente comprensible".

Interpretación das primeiras enquisas

"Nós sempre dicimos o mesmo, están ben, son unha ferramenta e quen se dedica á política e diga que ignora as enquisas non é certo, dende logo que se o fai, estase equivocando, pero son unha ferramenta nada máis, marca unha tendencia. Igual que cuando nos van ben, normalmente en Galicia, nós temos boas enquisas, dicimos que iso non quere dicir que non haxa que seguir traballando moito; cando son ao contrario, pois exactamente o mesmo. Amais, depende das enquisas: se vostede colle as enquisas do CIS din que o PSOE é a primeira forza política con moita diferenza en Galicia, despois vostede ve a realidade é ve que é todo o contrario. Imos ver que pasa. Nós sempre dicimos que somos un partido de goberno. O Partido Popular de Galicia, polo tanto, para aspirar a gobernar hai que aspirar a gañar as eleccións. E iso imos facer, se despois fose necesario facer pactos, iso habería que velo despois das eleccións. Se un quere ganar ten que ter a confianza da xente á que lle pide o voto e iso quere dicir ser os máis votados. Eses partidos que saen sabendo que non van gañar pero a ver se se xuntan con outros que perden a ver se desprazan o que gana, eu creo que esa non é unha boa formulación e nós non o imos facer. Nós saímos gañar estas eleccións e as municipais".

Política fragmentada en varios partidos

O escenario é diferente ás eleccións xerais do ano 16 porque hai uno novo partido, Vox, que naquel momento nin se pensaba que puidese ter algún tipo de representación. É certo que agora as enquisas están dicindo que pode telo e xa veremos o que pasa con Ciudadanos tamén. En Galicia, con humildade, pensamos que o PPdeG ten unha especial forza, que pode partir da unidade, da estabilidade que representamos, e vendo as dificultades que están tendo de cara ás municipais, tando Ciudadanos como Vox, para atopar candidatos, esa forza que lle dan as enquisas quizais non a teñan. Agora nós non nos pechamos a ningún pacto, pero aspiramos a gobernar cos apoios que de verdade nos interesan, que son os da xente que votan o día das eleccións".

Expectativas do PPdeG en Pontevedra

"Temos que saír gañar en todos os concellos, sabemos que nalgúns está máis complicado ca noutros. Esperamos ser a forza máis votada na provincia de Pontevedra e iso quere dicir recuperar institucións que estabamos gobernando. (...) Somos optimistas, fixemos unha boa renovacións, pero hai moito que traballar e con moita humildade, e o resultado é o día das eleccións.

"Carmela Silva sempre dá leccións a todos, pero o malo é que hai que predicar co exemplo, e os desta semana, cando se acaba de coñecer que un funcionario do concello de Vigo, man dereita do alcalde, dela mesma, que era e é a primeira tenente de alcalde, foi condenado a cinco anos de prisión por enchufar a cuñada da señora Carmela Silva e non recibir ningunha explicación diso, cando, amais, está dicindo que hai máis casos de enchufes de familiares no concello de Vigo, di que non ten nada que ver con iso, que a culpa é do PP, que a culpa é de Feijóo, que a culpa é de Rueda... Cando temos un caso tan grave... exemplaridade é a menos indicada para dala, e o nerviosismo desta semana indícao ben ás claras".

Responsabilidade política de Carmela Silva no caso do enchufe da súa cuñada no concello de Vigo

"O que non pode ser é que diga que non ten que falar para nada é que a culpa é do PP. Cando un se atopa esas explicacións, un dáse de conta de que algo ten que ocultar e non o quere explicar. (...) Sendo súa cuñada, esa falta de explicacións é bastante clamorosa. É un tema por explicar e un tema por esixir responsabilidades políticas e, se fose ao contrario, pódolle dicir que a señora Carmela Silva estaría agora mesmo esixindo a dimisión de todo o mundo, esixindo responsabilidades políticas e dicindo cousas que non quere que lle digan a ela".

A comisión do Marisquiño

"Oxalá saian as explicacións que tiñan que dar onde se produciu, en Vigo. O concello de Vigo non quixo dar ningunha explicación; fixo un pouco como fixo Carmela Silva co caso do enchufe da cuñada: querer pasar nas puntas dos pés disto, que non se fale, non dar explicacións e mirar para outro lado. Comisión que por certo non pediu o PP, pedírona o Bloque e as mareas, nós apoiámolos. O que se está facendo é reunir a documentación, as explicacións para saber que pasou, con independencia da investigación xudicial. Pero aquí tamén hai responsabilidades políticas e, polo tanto, hai que depuralas. É unha mágoa que todo isto non se fixese no concello de Vigo, e agardo que o concello de Vigo se dea de conta de que non comparecer a unha comisión parlamentaria pode chegar a ser ata delituoso, á parte de que pode se indicativo de moitas cousas, non querer dar explicacións... algo será".

Situación en Venezuela e expulsión dos eurodeputados do grupo Popular Europeo

"Que a representantes do Parlamento Europeo non se lles permita entrar para que non vexan absolutamente nada. Como dicía Esteban González Pons no aeroporto de Caracas cando non puideron entrar, "cando un quere apagar as luces é moi mal sinal", porque a ver o que quere facer. A situación de Venezuela no admite un minuto máis; únese a crise humanitaria, a falta de alimentos, cunha crise política, unha falta de democracia brutal. E, polo tanto, creo que ten que ter unha saída.. Non entendo como as mareas no Parlamento de Galicia seguen defendendo o réxime venezolano e seguen ignorando a situación en que se atopan moitísimos galegos e galegas que viven alí (...) Alí non van, dicirlle á cara aos galegos que teñen que aguantar; é moi fácil dicilo desde aquí. A situación é inaguantable e eu agardo que teña unha salida democrática e humanitaria canto antes, e que o réxime de Maduro remate dunha vez".

"A Xunta de Galicia séguelles votando unha man, cada vez con máis dificultades, pero ás veces é a única man que se lles bota aos galegos e galegas que viven alí, sobre todo á xente máis anciá, á xente que non ten outro recurso. Se o réxime de Maduro segue moito máis, chegará un momento que nin a Xunta de Galicia poida atender os galegos que alí viven".

Preocupación pola sanidade pública galega

"A sanidade é un servizo público basico, se mo permite, case o máis básico que está obrigado a dar unha Administración pública. Está habendo reclamacións, que non son de recibo cando recorren á violencia, como cando queiman ambulancias, iso non é de recibo, pero as protestas cando son pacíficas, a Xunta de Galicia ten a obriga de escoitalas e darlles solución na parte que esa solución sexa lóxica. Todo o mundo sabe que está habendo reunións cos médicos de atención primaria, cos sindicatos da sanidade para intentar ir chegando a acordos. Ninguén está dicindo que a sanidade pública galega sexa un desastre, ten unha valoración moi boa da xente en xeral. Pero que algúns partidos políticos intenten dar a imaxe de que todo é un desastre, de que non funciona e que isto se parece a países terceiro mundistas, non é responsable".

O corredor atlántico de comunicacións

"Hai que convencer as autoridades da Unión Europea de que dean cartos para facer o corredor do Cantábrico para sacar mercancías, aproveitar os portos e os trens para estar comunicados; isto estase facendo co mediterráneo e nós queremos que se faga tamén co atlántico".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019