CRTVG

Buscar

Marco Amoedo: "As empresas comezan a ter problemas para captar talento no Reino Unido"

Publicado o 03/01/2019 10:54

Un dos temas claves deste ano que acabamos de empezar vai ser a saída do Reino Unido da Unión Europea, o brexit. Un asunto que nos vai tocar directamente e que protagoniza a entrevista a Marco Amoedo, directivo de Power Objects, unha empresa que traballa no país e que se ve afectada por este divorcio da Unión Europea. 

"Estamos a 90 días do proceso do brexit e está todo no aire. O Parlamento británico aínda non tomou unha decisión e iso complica a situación para as empresas e os traballadores do Reino Unido". 

"No 2016, cando saíu o resultado do referendo, a sensación foi de incredulidade. Ninguén cría posible esta situación, porque deixaba os cidadáns europeos e españois no limbo". "A partir do brexit temos unha situación distinta". "En principio non debería haber problema, pero a día de hoxe non hai solucións claras".  "O foro Galicia Global xunta directivos galegos no exterior". 

"En certos casos, e na miña empresa en particular, estamos vendo que o talento europeo comeza a decidir outros destinos que non sexan o Reino Unido. As empresas danse de conta de que poden sufrir unha fuga de talento e abren a posibilidade de que os seus traballadores poidan traballar dende o exterior". 

"Case a metade da poboación segue querendo que non se produza o brexit. Eu creo que vai pasar, sería moi difícil paralo politicamente". "O Goberno está nunha posición moi precaria, pero todo pode pasar". 

"Os países máis afectados, pola campaña que se fixo, foron os países do leste europeo. Os ecosistemas de xente empezan a sufrir e a inmigración de cidadáns europeos está caendo. Comeza a haber problemas de recrutamento de persoal no sector sanitario, e as empresas tecnolóxicas tamén comezan a ter dificultades para captar talento". 

 

Noticias web

03/01/2019