CRTVG

Buscar

Fabiola García: "Imos traballar da man para darlles sempre todas as facilidades ás familias que decidan ter fillos"

Publicado o 12/02/2020 10:24

Fabiola García, conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, foi entrevistada esta mañá no 'Bos Días' sobre a recentemente aprobada lei de impulso demográfico en Galicia e os seus obxectivos. A conselleira comezou sinalando que “esta lei era moi necesaria. Considero que temos que sentirnos moi orgullosos por elaborar este texto normativo”, e engadiu que Galicia é a "primeira comunidade autónoma de España en sacar esta lei adiante".

Un dos obxectivos da lei é o impulso demográfico, e "o que imos facer é traballar da man para darlles sempre todas as facilidades a esas familias que decidan ter fillos" poñendo en marcha, por exemplo, "a partir do 1 de abril a gratuidade das escolas infantís para os segundos fillos e sucesivos, con independencia de idade que teña o primeiro fillo", afondou a conselleira. Ademais, a Tarxeta Benvida "tamén se incrementou. É unha axuda directa que lles dá a Xunta de Galicia ás familias galegas para sufragar os primeiros custos que supón a chegada dun neno ou unha nena".

Sobre a medida da creación de escolas infantís en empresas privadas, a conselleira sinalou: "O que pretendemos é crear unhas miniescolas infantís cun horario amplo nas empresas privadas, sobre todo para que se adapten aos horarios dos traballadores" e "unha nai ou un pai teña a tranquilidade de ir traballar e deixar alí o seu fillo e que saiba que está nas mellores mans e nas mellores condicións, e cando remata a xornada laboral poida volver co seu fillo á súa casa".

Na conversa abordouse tamén a situación da poboación no rural galego: "Cando falamos de que se asenten as familias no rural, hai que crear cada día máis recursos de conciliación e máis escolas infantís", sen esquecer que os maiores tamén están contemplados nesta lei: "Estamos implantando as casas do maior, que son centros de día 100% gratuítos para todos os maiores nos concellos máis pequeniños de Galicia, para que poidan pasar aí todo o día en compañía doutros maiores", explicou.

Nesta liña, Fabiola García sinalou que isto suporá tamén un pulso da creación de emprego no rural: "O ámbito dos maiores é unha importante fonte de emprego. Galicia é hoxe a primeira comunidade autónoma a nivel nacional que máis destaca no servizo de axuda no fogar. A Xunta de Galicia financia este servizo" e "a día de hoxe xa temos miles e miles de persoas que están atendidas na súa casa". "Esa é tamén unha importante fonte de emprego aquí en Galicia e para o rural galego", rematou.

Noticias web

12/02/2020