CRTVG

Buscar

Delmiro Prieto: "Se queremos rebaixas de verdade, hai que regulalas e marcar un calendario"

Publicado o 07/01/2019 10:54

Na entrevista do Bos días falamos con Delmiro Prieto, portavoz da Fundación Santiago Centro, sobre a influencia das rebaixas no comercio e local. 

• A liberalización dos descontos

"O ano 2012 marcou un antes e un despois, cando se liberalizaron as rebaixas. A consecuencia son descontos permanentes durante case todo o ano, que danan o comercio local e de barrio". "Demandamos que se volva regular e que se poña algo de orde". 

"As rebaixas teñen que ter a finalidade de baixar o prezo do produto que xa está en tenda, non incorporar novo produto para poñer en rebaixas e deixar o que xa estaba para outros fins". "No comercio local non hai outra opción ca esta, porque o obxectivo é liberar mercancía e baleirar os estantes". 

"Antes do 2012 sempre había quen as incumpría. Agora estamos nun escenario completamente distinto". "Hai uns cantos anos había unha avalancha de xente no primeiro día de rebaixas en certos sitios, hoxe xa non vemos iso". 

"Aínda así, séguese mantendo o calendario tradicional e no comercio pequeno séguese mantendo ese itinerario". "Se queremos que haxa rebaixas como tal, hai que regulalas e marcar calendarios no tempo".

• As rebaixas no comercio local

"A nivel de facturación, o que conta para o pequeno comercio é a campaña normal, non as rebaixas. As rebaixas non se fan co obxectivo de gañar diñeiro, senón de liberar stock". 

"Na nosa estrutura social, o comercio local dá moita vida e xera riqueza". 

"O comercio local está nunha renovación permanente e constante. A fotografía do comercio de barrio cambia de maneira constante". 

"Cando se inicia a campaña haina que facer con optimismo. Pero se mantemos o nivel do ano pasado e se incrementa un pouco a venda, darémonos por satisfeitos". 

"Os produtos non se acaban o primeiro día e tampouco debemos mercar por impulso". “Hai que mercar de xeito racional e sen présa e fixarse en que sexan rebaixas". 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2019