CRTVG

Buscar

Juan José González Rivas: "Co consenso necesario e sabendo que se quere reformar, pode producirse unha adaptación da Constitución"

Publicado o 10/02/2020 10:33

O maxistrado Juan José González Rivas, presidente do Tribunal Constitucional, foi o convidado do espazo de entrevistas deste luns no Bos días.

O xuíz abulense, especialista en contencioso-administrativo, atendeu os medios públicos galegos nun momento en que a institución que representa ten un importante papel polas decisións que debe tomar respecto a recursos relacionados co proceso soberanista de Cataluña.

Un dos obxectivos tradicionais do Tribunal Constitucional é preservar a unanimidade nas súas decisións, algo que se intúe cada vez máis complicado.

Ademais, tamén falou sobre a posibilidade de que se reforme a Carta Magna: "A saúde da Consitución é boa, a min sempre que se me pregunta digo que goza de moi boa saúde; cuestión distinta é que cando se poida producir unha reforma co consenso necesario, sabendo os puntos que deben ser reformados, poida producirse unha adaptación", afirma González Rivas.

O presidente do Constitucional sinalou que, tanto el como os maxistrados, "somos os intérpretes auténticos da Constitución. A Constitución e a súa lei orgánica outórgannos a misión de interpretar a Constitución, exercer a defensa dos dereitos e liberdades e realizar a garantía e supremacía de todo o ordenamento xurídico do noso sistema".

Segundo González Rivas, "a xustiza española é unha xustiza moi brillante", e engadiu: "Hai que diferenciar a xustiza constitucional, que non se integra como o terceiro poder do Estado, e os xuíces e tribunais ordinarios". "Efectivamente, na actuación ordinaria o xuíz aplica a legalidade, pero tamén ten en conta os principios e valores constitucionais", detallou.

En canto ás competencias das comunidades autónomas, Juan José González Rivas expuxo que "o sistema constitucional español, no Título XVIII, delimitou claramente as competencias exclusivas das comunidades autónomas e do Estado" e que os estatutos de autonomía "constituíron e seguen constituíndo a norma básica e de ordenación en cada comunidade autónoma". Tamén afirmou: "O noso sistema autonómico é intermedio entre un sistema rexionalista e un sistema federal".

Por outra banda, sobre as decisións ou resolucións do Tribunal Constitucional, o seu presidente expuxo: "As resolucións xudiciais poden ser susceptibles de crítica ou valoración", e afirmou que os medios de comunicación teñen parte nisto. "A Constitución di que hai que respectar a terceira idade, a intimidade, a xuventude, a infancia e, por outra parte, a liberdade de opinión", dixo. Ademais, a opinión pública libre é "fundamental nunha sociedade democrática", pero "esa formación de opinión pública debe adecuarse a dous principios esenciais: a veracidade da noticia e o principio do contraste da noticia", afondou.

Ao peche da conversa, González Rivas quixo manifestar o agarimo que lle ten a Galicia, pois seus pais teñen antecedentes na comunidade. "Desde moi pequeno sempre pasei os veráns en Galicia, pola zona das Rías Baixas", e foi premiado en 2018 coa Medalla de Ouro de Galicia: "Non é a única, pero é a máis importante condecoración que teño de Galicia".

Noticias web

10/02/2020