CRTVG

Buscar

O detido pola desaparición de Marta Calvo confesa que a despezou e tirou as partes en varios colectores

Publicado o 05/12/2019 09:28

O detido pola desaparición de Marta Calvo declarou durante preto de seis horas ante a Garda Civil. Non confesou que a matara. Dixo que a moza morreu por causas naturais e que a despezou e tirou os seus restos a varios colectores. Pero os investigadores non o cren e buscan o corpo de Marta para aclarar as circunstancias dunha morte que están convencidos que foi violenta.

Levaban 25 días buscando nel como principal sospeitoso da desaparición de Marta Calvo. Jorge Ignacio, de 37 anos, acabouse entregando despois de que a Garda Civil interrogase dúas veces a súa nai. Desque Marta desaparecera o 7 de novembro, tras quedar con el, os investigadores ían pechando o cerco de arredor deste cidadán colombiano con antecedentes policiais. Rexistraran a casa na que vivía desde o verán e na que quedara coa vítima, na localidade valenciana de Manuel, e descubriron que a limparan había pouco con lixivia.

Juan Carlos Fulgencio, delegado do Goberno na Comunidade Valenciana: "A hipótese que sempre barallou esta delegación, como vostedes saben, é que Marta non só desapareceu, senón que sufriu unha agresión violenta que posiblemente lle fixo perder a vida"

Ás cinco da tarde, tras chegar o seu avogado, comezaba o interrogatorio policial, que se prolongou ata as once da noite. A Garda Civil non cre a versión da morte natural que dá o sospeitoso, pero para determinar exactamente como morreu Marta é fundamental atopar o seu corpo. Nas últimas horas, a busca centrábase nesta planta de reciclaxe de Guadassuar, que chegou a paralizar de xeito preventivo a súa actividade, que retomou á media tarde.
As dilixencias foron declaradas secretas e a Garda Civil informou de que ten outras liñas de investigación abertas. Nas próximas horas, está previsto que o detido pase a disposición xudicial.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2019