CRTVG

Buscar

Entregan os premios aos mellores alumnos do curso pasado

Publicado o 14/02/2020 14:35

Os 40 mellores expedientes académicos do curso pasado recolleron hoxe os diplomas acreditativos. Son 20 rapaces de bacharelato e 20 de ciclos superiores de FP que sacaron unha nota media de polo menos 8,5. Na entrega, a conselleira de Educación valorou a cultura do esforzo.

Representan a excelencia do sistema educativo galego porque no curso 2018-2019 obtiveron as mellores notas e porque pasaron unha proba para accederen aos premios extraordinarios que convoca anualmente a Consellería de Educación. A conselleira, que entregou os diplomas, e os galaradoados defenderon a cultura do esforzo.

"Sen esforzo non hai aprendizaxe nin progreso persoal. Fronte á cultura da satisfacción inmediata, do éxito fácil, que parece querer impoñerse, temos que consolidar esa cultura do esforzo", dixo Carmen Pomar, conselleira de Educación.

"É como un premio despois do esforzo de estudar primaria, ESO e bacharelato", explicou unha das premidadas de bacharelato.

"Unha satisfacción, despois de tanto esforzo ves que mereceu a pena. Tes traballo..., todo esforzo ten a súa recompensa", sinalou un premiado de FP.

Os premiados aconsellaron a todos os estudantes que non se rendan.

"Se queren algo, que se esforcen en conseguilo e que non se frustren se fallan, que sempre o intenten". "A base de horas e horas e horas vaise sacando", recomendaron os galardoados.

Os premios están dotados con mil euros os de bacharelato e 850 os de FP.

Noticias web

14/02/2020