Entregan de xeito anónimo os cans rescatados en Todoque
Continúa o misterio arredor do rescate dos cans que quedaran atrapados pola lava nun pequeno recinto do barrio de Todoque. Os animais foron entregados nas últimas horas de xeito anónimo nunha casa de acollida da Palma en aparente bo estado e sen que se saiba nada sobre os seus rescatadores.
Unha empresa galega de avións non tripulados era a encargada de sacalos de alí, pero cando se puxo en marcha o dispositivo, os animais xa non estaban.
No recinto había evidencias da presenza humana e unha mensaxe escrita sobre unha lona que asinaba un descoñecido grupo denominado Equipo A, que aseguraba que os cans estaban ben.
De momento non se sabe sobre quen puido acceder sen permiso a esta zona de exclusión, para o que se precisaba ir equipado con botas ignífugas, roupa de protección e unha cámara térmica, porque se cre que o rescate se fixo de noite.
Agora a Garda Civil trata de desenmascarar os integrantes deste misterioso Equipo A.