CRTVG

Buscar

Entre seis e oito persoas participaron na agresión a Samuel

Publicado o 04/08/2021 10:40

O comisario xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña, Pedro Agudo, repasa o estado da investigación do crime tras o levantamento do segredo de sumario

O comisario xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña, Pedro Agudo, indica que foron entre 6 e 8 persoas as que participaron "na conxunción de golpes" a Samuel Luiz, malleira en que non acreditaron que tomase parte a muller que foi arrestada, e cre que pode haber "máis detencións".

Tras o levantamento do secreto de sumario, o comisario que a encabeza asegura, nunha entrevista con Efe, que o obxecto intervido na casa dun dos detidos polo crime do 3 de xullo é unha "especie de navalla" coa que a vítima puido ser golpeada.

P. "Haberá máis detencións?"
R. "A investigación segue aberta. Temos que analizar o envorcado dos teléfonos, ver dilixencias que nos quedan por realizar. En concreto, tivemos unha testifical nova o luns, que nos pode dar información doutras persoas que poden estar implicadas. Creo que si que pode haber máis detencións".

P. "Cantas persoas participaron na agresión?"
R. "Entre seis e oito persoas, no que é a conxunción de golpes. O que pasa é que había moita xente que se desprazaba coa turba, que estaba por curiosidade, por morbo. Non avisaban a policía, pero movíanse coa agresión".

P. "A muller detida non participou na agresión?"
R. "Ela golpea, empuxa, separa e non permite que a acompañante de Samuel o defenda. Temos esa conduta, pero non acreditamos que ela participe na agresión".

P. "Teñen identificadas todas as persoas que participaron na malleira?"
R. "Temos identificadas todas as persoas que participaron, pero aínda temos que individualizar algunha das condutas. Os principais están detidos".

P. "Hai un obxecto metálico intervido na casa dun dos menores"
R. "Si. E concorda cunha das feridas de Samuel".

P. "Que é?"
R. "Unha especie de navalla cunha punta compatible cunha das feridas que ten Samuel".

P. "É unha ferida de arma branca?"
R. "Non".

P. "Púidoselle golpear a cabeza con ese obxecto?"
R. "Si. Estamos a esperar a análise de ADN".

P. "O ADN dun dos detidos localizouse na cara de Samuel?"
R. "Do primeiro detido achouse na célula epitelial do rostro de Samuel. Foi por varias puñadas. O detido número dous faille un 'mataleón' (sorpréndeo por detrás para rodear o seu pescozo) e consegue tiralo ao chan. Nese momento, o agresor número un ponse ao carricho encima do corpo de Samuel e golpéalle cos dous puños na cara".

P. "A agresión foi en tres fases?"
R. "Si. A primeira parte é na filmación. Aí prodúcese a agresión primeira do número un, o 'mataleón' do número dous e a agresión dos dous. A segunda fase é cando se van movendo cara á avenida de Bos Aires, onde xa o van golpeando varios. A terceira é o punto final, onde perde a conciencia e a última fase do posible asasinato. Ibrahima cóbreo todo o tempo e axúdalle a cruzar a rúa".

P. "Samuel pedía axuda?"
R. "Si, tapaba a cara, pedía axuda e soamente quería fuxir, quería escapar do lugar".

P. "Os agresores víronse posteriormente?"
R. "Reuníronse unha hora e cuarto nun parque público da cidade, non todos, pero si os máis importantes. Sabemos que falaron porque temos unha testifical da reunión que nos achega o contido da conversa".

P. "Xa sabían que mataran unha persoa?, trazaron un plan?"
R. "Non, comentaron a agresión, pero non falaron de plan, nin houbo arrepentimento. Non tiveron en ningún momento ningunha mala conciencia polo que fixeran, nin remorsos".

P. "Que contido borraron dos seus móbiles?"
R. "A autorización xudicial abarca a copia espello do teléfono. Con esta, pódese realizar a análise de todo o seu contido. Soamente en fotografías levamos nalgún teléfono máis de 3.000 ou 4.000. É un traballo longo, que temos que facer con equilibrio".

P. "Quen lle chamou 'maricón'?"
R. "O detido número un no primeiro asalto".

P. "Tamén lle dixeron 'voute matar'?"
R. "Non temos recollido no atestado iso. Soamente o insulto".

P. "Como definiría o perfil dos agresores? Dicía que non eran delincuentes ao uso".
R. "Non o son. A estrañeza do caso, o antes e o despois, é que non falamos de delincuentes habituais ou profesionais. Son amigos dunha cuadrilla en que un dos menores ten un antecedente que non ten nada que ver cun delito contra a vida. Estamos ante unha situación de máxima agresividade e violencia. Probablemente teñamos que facer unha reflexión profunda".

P. "Como identificaron os agresores?"
R. "As cámaras de El Andén (o pub) son moi importantes pola súa nitidez. Dan a fisionomía e a identificación nominal e funcional das persoas. A isto súmanselle posicionamentos telefónicos, o vídeo das cámaras de seguridade e a achega das empresas privadas na fase final da agresión. Con isto e as testificais temos practicamente esclarecido o caso".

P. "Foron identificados pronto?"
R. Entre o domingo pola noite e o luns pola mañá xa tiñamos a metade dos detidos identificados. O luns á hora para comer tiñamos practicamente a todos".

P. "A investigación foi difícil?"
R. "Foi moi complicada. Esclarecer este caso en seis días coa presión social que había deunos moitísimo traballo. Traballamos 17 horas diarias. Foi o caso máis complicado ao que me enfrontei, xunto co do asasino do Sena (despezou a súa esposa e foi cazado 22 anos despois) e o violador da burundanga (narcotizaba a mulleres para cometer abusos)". 

Noticias web

04/08/2021