CRTVG

Buscar

Nuns días saberase se algúns dos ingresados en Mallorca polo coronavirus están ou non infectados

Publicado o 08/02/2020 21:54

Entre mañá e pasado mañá saberase se algún dos catro membros da familia británica ingresada en Mallorca ante a posibilidade de teren o coronavirus de Wuhan están ou non infectados. Só un, unha nena de 10 anos, tivo febre este sábado.

A familia, unha parella e as súas fillas de 10 e 7 anos, permanece illada no hospital Son Espases de Palma. Son británicos pero viven en Mallorca.

O pai acudiu ao hospital tras avisar de que estivera en Francia cunha persoa que deu positivo ao virus e de que el, a súa muller e unha das nenas sentíranse mal. Unha ambulancia trasladou despois o resto da familia ao centro.

A nena de 10 anos deu positivo á gripe común e hoxe era a única con síntomas. As probas para saber se teñen o virus de Wuhan enviáronse a Madrid, que terá os resultados entre mañá e o luns. Se dan negativo seguirán unha corentena na casa.

Os contaxiados fóra da China seguen aumentando. Francia, por exemplo, soubo de cinco positivos máis no seu territorio. Os afectados, entre eles un neno, son británicos que compartiron un chalé nunha estación de esquí cun compatriota infectado nun congreso en Singapur.

A enfermidade causou ata o momento na China máis de 700 mortos e preto de 35.000 contaxiados.

O representante da Organización Mundial da Saúde no país di que se aprecian signos de control pero que de momento non se poden facer predicións. Precisamente un grupo de expertos propostos pola OMS viaxará a semana que vén alá para axudar na loita contra o virus.

Noticias web

08/02/2020