CRTVG

Buscar

Ollo co acelerador! Entran en vigor os límites de 30 km/h na maioría das vía urbanas

Publicado o 10/05/2021 14:12

Os novos límites de velocidade que entran en vigor este martes suporán, para a maior parte das vías urbanas, unha limitación de 30 quilómetros por hora. Así, todas aquelas vías que teñan un só carril por cada sentido da circulación veranse afectadas por esta medida. O límite será aínda máis baixo, de 20 quilómetros por hora, cando se trate de vías dunha única plataforma, aquelas en que calzada e beiravía están ao mesmo nivel.

A velocidade máxima de 50 quilómetros por hora resérvase para as vías que teñan dous carrís ou máis por cada sentido. As autoridades de tráfico buscan avanzar cara a un novo modelo urbano de convivencia e de sostibilidade. En Galicia, a cidade de Pontevedra xa aplica desde hai anos ese novo modelo.

O voceiro da Policía Local de Pontevedra, Manuel Omil, explica que "non se trata só de poñer sinais; hai elementos físicos como os lombos, as rotondas, o tipo de calzada, o estreitamento das vías... que contribúen a que a velocidade se reduza".

A velocidade redúcese e a consecuencia é a redución do tráfico, da sinistralidade e, o máis importante, dos atropelos mortais. "Creo que é un dato incontestable que en máis de dez anos sen mortos en Pontevedra, vén demostrar que a redución da velocidade é un factor determinante", afirma Omil.

O 30% das mortes por accidentes de tráfico rexístrase nas cidades. Trátase, polo tanto, de diminuír esa cifra, e segundo estudos realizados e exemplos como o de Pontevedra, a redución da velocidade é a clave para conseguir ese obxectivo.

Noticias web

10/05/2021