CRTVG

Buscar

Entran en vigor as novas restricións en Galicia, con Vigo no nivel medio

Publicado o 23/04/2021 14:29

• Aumenta a mil persoas a ocupación nos eventos e competicións deportivas ao aire libre nos concellos en nivel baixo | As atraccións de feira, prohibidas nos concellos pechados ou con restricións altas

• Os medidores de CO2, obrigatorios para servir ceas

Desde hoxe seguen en situación de máximas restricións (nivel 1) os concellos de Carballeda de Valdeorras, Cualedro, O Grove e A Pobra do Caramiñal. Con restricións altas (nivel 2) hai 14: O Barco de Valdeorras, Cambre, Cortegada, Lobeira, Marín, Meaño, Meira, Muíños, Padrenda, Petín, Ribadumia, Ribeira, Rubiá e Vilanova de Arousa.

Con restricións medias (nivel 3) están: Barreiros, Boiro, Cambados, Cangas, Carral, Cartelle, Catoira, Gondomar, A Illa de Arousa, Lobios, Meis, Muxía, Ortigueira, Ponteareas, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Sanxenxo, Trabada, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

No resto rexen as restricións medio-baixas (nivel 4).

Aumenta a mil persoas a ocupación nos eventos e competicións deportivas ao aire libre nos concellos en nivel baixo 

As competicións deportivas, cinemas, teatros e auditorios nos concellos con restricións de nivel medio baixo, é dicir, os que teñen actualmente menos limitacións establecidas, poderán duplicar as súas ocupación actuais e alcanzar as mil persoas ao aire libre. Isto poderá suceder en todas as cidades galegas, salvo en Vigo, e no resto de municipios con menos límites. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) actualizou a ocupación máxima para este tipo de celebracións e espectáculos, que para o resto de concellos de Galicia está establecida en 250 persoas e o 30 por cento en lugares pechados e de 500 en actividades ao aire libre. Con todo, a maioría dos municipios galegos poderán aumentar a capacidade de público. Así, poderá haber ata 500 persoas en lugares pechados e mil en eventos ao aire libre.

Con todo, a fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea nas butacas e haberá unha planificación adecuada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asitentes. Deberán establecerse medidas para manter a distancia de seguridade e outras de prevención contra a covid-19, e ademais o uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo se hai distancia. Os eventos requiren un rexistro de asistentes, que deberá ser custodiado durante un mes, coa información de contacto dispoñible para as autoridades sanitarias. Deberán, así mesmo, intensificarse os labores de limpeza e ventilación de interiores.

Doutra banda, o DOG tamén recolle as novidades de postos autorizados para os mercados ao aire libre, que no caso de que sexan menos de 150 poderá dispoñerse xa do 100 por cen dos habituais ou autorizados. Nos mercados de 150 a 250 postos, poderá dispoñerse do 75 por cento e, nos que teñan máis de 250 postos autorizados, do 50 por cento.

As atraccións, prohibidas nos concellos pechados ou con restricións altas

O regreso das atraccións de feira en Galicia non será con apertura total, xa que seguirán prohibidas naqueles municipios pechados perimetralmente e nos que presenten restricións máis altas, agora mesmo, un total de 18. É unha das condicións que establece o Diario Oficial de Galicia (DOG) tras  decisión da Xunta, co asesoramento do comité clínico, de recuperar en parte esta actividade para a maioría dos concellos. Con todo, segue o peche de actividades de festas, verbenas e outros eventos populares en toda a comunidade autónoma galega.

Para a reapertura das atraccións de feira, establécense unha serie de medidas de obrigado cumprimento para o desenvolvemento da actividade. Así, respectarase a ocupación máxima dunha persona por cada tres metros cadrados de superficie útil do recinto, ata un máximo de 500 persoas para os espazos cunha superficie útil menor ou igual a 8.000 metros cadrados. No caso de que a superficie do recinto sexa superior aos 8.000 metros cadrados, o límite máximo será de 1.000 persoas, sempre que se manteña a capacidade dunha persona por cada tres metros cadrados de superficie. Para o cálculo da superficie útil do recinto non se terá en conta a superficie ocupada por todas as estruturas instaladas.

O espazo destinado ao recinto en que se desenvolvan as atraccións deberá estar acoutado, de tal maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados para a entrada e a saída, que deberán estar identificados con claridade. Ademais, estableceranse controis de ocupación nas entradas e saídas do recinto e adoptaranse as "medidas necesarias para evitar aglomeracións nestes puntos".

Neste sentido, poderanse empregar métodos como "pulseiras ou entradas" para facilitar o control. Tamén deberán establecerse medidas necesarias para manter a distancia de seguridade intepersonal no interior e exterior do recinto e para evitar as aglomeracións. Poderán determinarse medidas para acoutar zonas tendo en conta, en calquera caso, a normativa de seguridade que sexa de aplicación.

Tanto os asistentes como o persoal das atraccións deberán portar máscara de maneira obrigatoria. Lembraráselles aos asistentes por medio de carteis visibles e mensaxes de megafonía esta mesma obrigatoriedade e mais as normas de hixiene e prevención. A organización non debe permitir a presenza no recinto daquelas persoas que incumpran esta obriga.

No caso das atraccións que dispoñan de asentos, poderá ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal entre os ocupantes e reducirase ao 50 % o número de asentos de cada fila que se poidan ocupar no caso de que esta distancia non se poida asegurar. A limitación non afecta a conviventes. No caso de atraccións que non teñan asentos incorporados, a súa capacidade máxima será do 30 por cento.

Ademais, os espazos deberán contar con dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes nos puntos de entrada e saída do recinto e de cada unha das atraccións. No caso de que soamente exista unha única atracción, será suficiente na entrada e saída da citada instalación.

A orde con data do 21 de abril de 2021 remite á orde do 30 de xuño de 2020 como de "aplicación supletoria". Nesta orde do ano pasado, especificábase a prohibición de piscinas de bólas e atraccións inchables debido ás dificultades de desinfección.

Obrigatoriedade dos medidores de CO2 nos restaurantes

A entrada en vigor do novo toque de recollida ás 23 horas en Galicia propiciou a apertura dos restaurantes o pasado venres para o servizo de ceas. Iso si, os comensais ademais de pedir cita previa ou reservar e rexistrarse no local cos seus datos deben abandonalo co suficiente tempo de antelación para regresar aos seus domicilios.

A outra novidade, a obriga de contar cun medidor de CO2 no local entra en vigor este venres, cunha semana de marxe para que se poidan comprar os aparellos no caso de que non se tivesen xa antes. Fontes da Consellería de Sanidade confirmaron que esta obriga entra en vigor este venres sen lugar a prórroga, como si sucedeu co código QR, respecto de que os establecementos de hostalería advertisen de dificultades para contar co dispositivo a tempo.

En todo caso, a obrigación do dispositivo só é para os establecementos con licenza de restaurante que sirvan ceas, polo que están eximidos o resto de locais, que pechan ás 21:00 horas, a hora xeral de peche da hostalería polo de agora.