CRTVG

Buscar

Entran en vigor este sábado as novas restricións da Xunta tras recibir o aval do TSXG

Publicado o 28/05/2021 19:29

• O DOG publica as medidas consideradas "idóneas" pola xustiza

• Permitidas as xuntanzas de ata 10 persoas no exterior e 6 en interior

• A Pobra do Caramiñal, Mos e Lobios, no nivel máximo de restricións

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala o peche perimetral e o toque de queda en Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos ata o 12 de xuño. Tamén os cambios introducidos polo comité clínico o pasado martes que amplían os encontros de non conviventes.  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou xudicialmente as medidas preventivas para facer fronte á evolución da covid-19 propostas pola Xunta o pasado 26 de maio. A resolución do alto tribunal galego, notificada este venres, permitiu a publicación das novas medidas no DOG, polo que entrarán en vigor ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa difusión, e prolongaranse ata as 00.00 horas do 12 de xuño.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo avala a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma, así como as limitacións dos encontros a un máximo de seis persoas en espazos interiores e de dez en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes. Os xuíces destacan que a limitación sobre o número de persoas que se poden reunir "flexibilizouse".

Os maxistrados din no auto que as medidas solicitadas polo Goberno galego, son "idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito".

O subcomité de expertos reunido hoxe non viu motivo para incorporar máis concellos ao máximo nivel de restricións. Dsta maneira, os concellos de Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos, serán o únicos tres que queden en nivel máximo ata que se revise a súa situación a semana que vén, e nos que polo tanto o seu territorio debe estar pechado perimetralmente e a hostalería non pode abrir.

Ademais, estarán no nivel alto para as localidades de Ribeira, Ordes, Moraña, Ponte Caldelas e Viveiro.

No nivel medio estarán os municipios O Barco, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.

No resto estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, que permite a apertura dos locais de hostalería ao 50 % de ocupación no seu interior e o 75 % nas terrazas.

 

A pandemia permanece estable en Galicia

A incidencia mantense en algo máis de 70 casos por cen mil habitantes. O subcomité clínico non viu motivos para cambiar as restricións por concellos. As aprobadas o martes entran e vigor o sábado e teñen o aval da xustiza para manterse ata o 12 de maio. "Unha boa nova que non teñamos que incorporar ningún concello no nivel máximo. Emprazámonos ao vindeiro martes para algún concello ao que lle estamos facendo seguimento. Hai algunha excepción que nos preocupa como é o caso de Mos e algunha comarca, dixo o ministro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

A incidencia sobe a 337 en Moaña e xa levan unha semana en nivel alto de restricións

Tamén preocupa a situación doutros concellos no nivel alto de restricións e onde seguen aumentando os contaxios. É o caso de Moraña, onde convocaron os veciños de entre 30 e 39 anos a un cribado o sábado e os que teñen entre 50 e 65 o próximo luns. Levan sete días co interior da hostalería pechada e os contaxios seguen aumentando. "Os últimos casos que están aparecendo son casos illados, non son gromos en grupos familiares ou grupos de traballo, e iso é o nos preocupa, por iso se farán cribados o antes posible", explica o alcalde  José Cela. 

Os hostaleiros de Viveiro anuncian protestas contra o peche do interior dos locais

Os expertos do comité clínico tamén vixían o gromo que se iniciou en Viveiro e que suma xa 70 casos ao estenderse aos concellos de Cervo e Xove. Viveiro entra en nivel alto de restricións e deberá pechar o interior dos locais de hostalería.  "Son locais pequenos sen capacidade nas terrazas, dúas mesas, non hai economía que se aguante", salienta Isabel Méndez. Xerente centro comercial Casco Histórico de Viveiro

É o quinto peche e os hostaleiros anuncian mobilizacións.

Noticias web

28/05/2021