CRTVG

Buscar

Xa están vixentes as novas restricións en Santiago, Ourense, Santa Comba, Carballo e A Laracha

Publicado o 03/09/2020 09:19

Desde a pasada media noite, están en vigor novas restricións en Santiago, Ourense, Santa Comba, Carballo e A Laracha. Limítase a mobilidade nas residencias, non haberá reunións de máis de 10 persoas, agás escolas e centros de traballo, e limítase a capacidade na hostalaría, vodas e enterros. A máscara pasa a ser obrigatoria nos ximnasios.

Comezamos en Santiago. A cidade, como outras zonas de Galicia, amence baixo novas restricións. Polo de agora xa van trinta casos e continúan investigando os contactos dos contaxiados. Os primeiros positivos detectáronse entre os traballadores do ximnasio. Como podedes ver no multiúsos, permanecen abertas as salas de cardio e musculación, pero suspenderon as actividades dirixidas e incrementaron as  medidas de seguridade. O que xa se decididiu é que Santiago terá máis restricións, similares ás da Coruña, pola preocupación que xera este novo foco, máis tendo en conta que estas instalacións deportivas teñen uns dez mil usuarios. Polo menos dous dos infectados son traballadores. 

O feito de que o ximnasio público Fontes do Sar, con preto de dez mil usuarios, sexa escenario dun novo gromo en Santiago, despois de ser tamén un ximnasio o foco doutro na área coruñesa, fai que se tomen medidas específicas para estes establecementos que nas vindeiras datas se estenderán a toda Galicia.

E dende hoxe, en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha, as reunións están limitadas a un máximo de dez persoas. Ademais, péchanse os centros de día e as residencias, que non poderán recibir visitas. Aos velorios só poderan acudir 25 persoas nos espazos abertos e dez nos pechados. Prohíbense as festas e verbenas. Tampouco se permite o servizo en barra na hostalería, na que se limitan as capacidades. Estas redúcense ao 50 por cento tamén en restauración, incluídas as terrazas. E no comercio, mercados, feiras, academias, autoescolas e lugares similares. Teatros, auditorios e cines acollerán un máximo de 60 persoas en interiores.

Na comarca de Bergantiños, a Xunta considera que o gromo está bastante delimitado e que pode ser controlado se se aplican ben estas restricións. En Ourense preocupa a alta idade media dos infectados. En Santiago préstase atención ao que ocorre co número de positivos do gromo de Sar, pois hai usuarios espallados por toda a cidade. Polo xeral, a Xunta ve alto risco nas zonas en que establece restricións polas altas taxas de incidencia e as múltiples cadeas de transmisión detectadas.

 

 

Noticias web

03/09/2020