CRTVG

Buscar

Xa están en vigor as novas restricións en Galicia para frear a expansión do virus

Publicado o 15/10/2020 08:20

• Desde a medianoite prohíbense as reunións de máis de dez persoas

• O comité clínico pide non facer festas "mentres non pase todo isto"

• Boborás, confinado: 2.300 veciños e 19 casos activos

 

Galicia superou o limiar dos 800 mortos por coronavirus. Nas últimas horas, a Consellería de Sanidade notificaba seis novos falecementos, catro deles en residencias. Houbo ademais 254 contaxios máis. Para frear a expansión do virus, esta medianoite entraron en vigor as novas restricións que prohiben as reunións de máis de dez persoas en toda Galicia e limita a mobilidade no Carballiño, O Irixo e Boborás.

A prohibición de xuntárense máis de dez persoas, en vigor desde esta medioanoite en toda Galicia, aplicarase tanto nas casas coma nos espazos públicos, a non ser que esas dez persoas vivan xuntas. Non se poderán facer, por exemplo, comidas familiares que superen esa cifra. Tampouco festas ou reunións con amigos. Nin na casa nin en bares ou restaurantes. Non pode haber grupos de máis de dez persoas en autoescolas, bibliotecas, parques, praias ou piscinas. Nin en centros recreativos, facendo actividades xuntos nun ximnasio ou en actividades dirixidas en hoteis.

Hai excepcións á norma: pódese superar a cifra nos lugares de traballo, nos centros educativos e en actividades administrativas. Tamén quedan exentas de momento as vodas e os velorios, en que se manteñen as ocupacións establecidas ata agora.

Non é a única excepción.

Alberto Puentes, secretario xeral técnico do Sergas: "Por exemplo, as reunións profesionais, as xuntas de comunidades de propietarios ou eventos similares tampouco estarían restrinxidas a esas dez persoas".

Tamén entraron en vigor as limitacións de mobilidade nos concellos ourensáns do Carballiño, O Irixo e Boborás, que canda Ourense e Barbadás están en confinamento perimetral. É dicir, non se poderá saír nin entrar neles sen xustificación.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Poñémoslle o adxectivo perimetral porque entre eses concellos pódense mover, pero cara a fóra non poden saír".

Son medidas temporais, ás que se irán sumando outras. O comité clínico revisará as restricións o venres e elaborará un protocolo específico para o día de defuntos.

Noticias web

15/10/2020