CRTVG

Buscar

Entran de madrugada nun bar de Pontecesures, rebentan a comecartos e levan a caixa rexistradora

Publicado o 28/02/2020 14:28

Elvira Suárez ten que amorear a recadación e o cambio do día. Os ladróns entráronlle esta noite no negocio e levaron enteira a caixa rexistradora e os cartos que tiña a máquina comecartos, que previamente rebentaron por completo. Pero este non foi o único dano que lle causaron. Na comecartos non sabe canto había.

"Pouco, porque aínda viñeron o mércores pola recadación", lembra, "e na rexistradora moedas e billetes para o cambio, uns 300 euros, pero o peor é o dano que fixeron na persiana, que teremos que poñer outra", explica.

Os feitos sucederon contra as catro da mañá, e os asaltantes deberon actuar con rapidez porque a alarma do establecemento saltou e a propietaria acudiu de inmediato. Dáse a circunstancia, ademais, de que a dona do inmoble vive no andar superior, e non escoitou ruído ningún.

"Espertou a miña filla de oito anos pero cando fun vela xa non se oía nada, non me enterei ata que me chamou Elvira", di Neli Doce.

É a primeira vez que asaltan o Mambís nos 20 anos que leva Elvira rexentándoo. Pero noutros locais próximos xa levan varios, e hai algo máis dun ano os ladróns mesmo entraron nesta sucursal bancaria situada xusto fronte ao bar.

Mentres esperaban pola chegada da Policía Xudicial para recoller posibles pegadas, a clientela e Elvira tomábano con humor.

"Xa nos tocaba", chanceaba, ao tempo que ironizaba con que "non levaron ningunha botella para celebralo".


 

Noticias web

28/02/2020