Entran cinco mil inmigrantes en Ceuta en plena tensión con Marrocos
Ceuta viviu nas últimas horas unha das xornadas migratorias máis críticas a que se enfrontou nos últimos anos. A Delegación do Goberno cifrou nuns cinco mil o número de inmigrantes, homes, mulleres e nenos, que entraron de xeito irregular e ante a pasividade das forzas de seguridade marroquís na cidade autónoma a través dos espigóns fronteirizos do Tarajal e Benzú.
Aproveitando a marea baixa, moitos entraron a nado ou en balsa. Un adultou faleceu afogado en augas de Marrocos cando intentaba alcanzar a costa ceutí. Outras dúas persoas tiveron que ser rescatadas. O Goberno mobilizou o exército para reforzar os corpos de seguridade, que se viron superados por unha avalancha sen precedentes na cidade autónoma.
Esta nova avalancha prodúcese tras varias semanas de tensión diplomática con Marrocos pola decisión de España de acoller nun hospital o líder da Fronte Polisario. A ministra de Asuntos Exteriores nega que esta entrada de inmigrantes se deba a un desencontro co país alauita.
A ministra confirmou que xa se puxo en marcha o protocolo habitual coa inmigración irregular. A avalancha de onte desbordou a capacidade de acollida da nave industrial do Tarajal, con capacidade para 200 persoas. O Centro de Coordinación de Ceuta, formado pola Administración Xeral do Estado e a cidade autónoma, acordou reforzar os espigóns e a fronteira e habilitar un campo de fútbol para acoller os inmigrantes.