Entramos no novo módulo mixto do centro penitenciario de Teixeiro
O ingreso nun módulo de respecto é voluntario, e require comprometerse a cumprir estritas normas de convivencia.
"Desgraciadamente, temos que pasar por este período en prisión, e que mellor que pasalo con xente agradable e cun respecto extremo", di Mónica González, interna e coordinadora do módulo de respecto en Teixeiro.
Mónica é unha das primeiras doce mulleres en gozar desta posibilidade. Ingresaron o catro de maio, cando o módulo pasou de ser masculino a mixto.
"É igualdade efectiva, por fin, para as mulleres", di Nadia Arias, subdirectora de Tratamento no centro penitenciario de Teixeiro. "Aínda que sexan unha minoría" -as mulleres son menos do sete por cento da poboación interna no centro- "teñen que poder acceder a todos os recursos terapéuticos que ofrece o sistema", reivindica Arias. "Un deses recursos son os módulos de respecto, e ata agora as mulleres non podían entrar", engade.
Entrar aquí ten outro plus: o programa Nelson Mandela que, con traballos e formación, prepáraos para a vida fóra.
"Van asumindo progresivamente responsabilidades, en función do seu nivel de implicación", explica a subdirectora de tratamento. "Responsabilízanse dos obradoiros, das actividades, coordinan grupos" explica Arias. "E fan mediación para resolver conflitos de formas que ao mellor non coñecían ata agora", engade.
Doce mulleres e 41 homes comparten actividades, cursos, e espazos -agás as celdas- no módulo. Esa convivencia mixta xa é tamén parte da aprendizaxe.
"Tes outra perspectiva, outro tipo de opinión coas mulleres", di Antonio, un interno. Para o seu compañeiro Germán, vivir con mulleres axúdaos a aprender a respectarse.
Din que aprenden cun único obxectivo: non volver entrar en prisión.