CRTVG

Buscar

En vigor o novo protocolo de medición das emisións e consumos para coches

Publicado o 01/09/2018 09:41

O novo protocolo de medición de emisións e consumo para coches entra en vigor hoxe. É por ese protocolo polo que hai ofertas nos concesionarios para tratar de vender vehículos en stock. Non obstante, o Goberno aprobou que se faga unha transición. Unha transición de dous anos para que o sector do automóbil poida facer unha aterraxe suave neste novo sistema.

Compramos un coche e o fabricante dinos que consome moi pouco, e pode ser, pero cando nos poñemos a circular con el resulta que nin nos achegamos ás cifras que publicitaban. Coas emisións de gases contaminantes ocorría o mesmo. A nova normativa de homologación de vehículos quere acabar con iso. 

Este novo sistema fará que antes de poder venderse teñan que pasar por unhas probas cun comportamento de condución máis realistas, e polo tanto os resultados serán máis parecidos aos que se van obter cando circulemos.

Deberanse facer probas nun maior rango de situacións de condución: urbanas, suburbanas, por estrada, autoestrada, e con maiores aceleracións e freadas máis representativas.

As distancias das probas deberán incrementarse. Máis quilometraxe para ter uns resultados máis fiables. Incluso en circunstancias de temperatura máis realistas.

Ademais as velocidades medias e máximas increméntanse neses tests, así como a potencia na condución. E terase en conta o equipamento extra do vehículo por se puidese influír.

Isto todo terá unha vantaxe clara para os compradores de coches: saberán o que están adquirindo cando levan un vehículo para a casa e que prestacións reais vai ter.

Pero tamén haberá contras. A principal é que haberá coches polos que ata o de agora non se pagaba imposto de circulación, porque as súas emisións eran baixas que o van ter que facer, xa que non son tan ecolóxicos como nos dicían, ou outros polos que xa se pagaba que subirán de tramo e a taxa tamén será maior.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/09/2018