CRTVG

Buscar

Entra en vigor o novo mapa de restricións coas últimas medidas impostas por Sanidade

Publicado o 03/05/2021 12:18

• Laza ten desde este luns máximas restricións, das que sae Carballeda de Valdeorras

• Vilanova de Arousa e Cualedro manteñen o peche perimetral

Entra en vigor o novo mapa de restricións coas últimas medidas impostas por Sanidade

Este luns o concello de Laza incorpórase ao nivel máis alto de restricións, en que tamén se manteñen, polo momento, os de Vilanova de Arousa e Cualedro.

Nestes concellos as limitacións establecen o peche perimetral e da hostalería, amais da prohibición de reunións de non conviventes.

O Sergas fará aquí, en Laza, un cribado este luns, ao que están chamados 700 veciños, para buscar posibles asintomáticos e facer un diagnóstico real da situación.

Pola súa parte, Carballeda de Valdeorras deixa atrás esas máximas retricións e descende dous chanzos ata o nivel medio.

Nivel alto

Así, estarán en nivel alto de restricións os concellos de Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco. A principal novidade neste grupo é a incorporación da Pastoriza, Mesía, Padrón, Cambados e Gondomar. 

Nestas vilas a hostalería só poderá atender nas terrazas, cun límite de ocupación do 50 por cento.

Saen dese nivel alto a Pobra do Carmiñal, Muíños, Verea, Ribadumia, Meis e Cambre.

Nivel medio

As medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares.

No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

A evolución da pandemia en Galicia é polo momento estable, rexistrando hoxe unha importante baixada dos casos activos na recta final do estado de alarma.