Entra en vigor en Hungria a lei que vincula homosexualidade e pederastia malia o malestar da UE

EFE
Varias ONG e a comunidade LGTB+ húngara anunciaron que desobedecerán a lei que vincula homosexualidade con pederastia e restrinxe falar da homosexualidade aos nenos, que entrou hoxe en vigor nun novo choque entre o Goberno ultranacionalista de Hungría e a Unión Europea.
Amnistía Internacional de Hungría (AI) e a asociación Háttér polos dereitos da comunidade LGBT+ simbolizaron hoxe esa rebeldía co inchado dun globo de dez metros de alto, en forma de corazón e as cores do arco da vella, fronte ao Parlamento húngaro. O presidente de AI, Dávid Víg, prometeu que a súa organización "non cambiará nin unha letra" nin dos seus programas educativos nin das súas campañas. "Xustamente para que todos, os mozos e maiores, poidan vivir en Hungría dunha maneira digna, libre e sendo eles mesmos", afirmou nun acto ante os medios.
A leii era inicialmente unha norma contra a pedofilia, pero pouco antes da votación o Fidesz, o partido do primeiro ministro Viktor Orbán, engadiu mencións á homosexualidade. Estas emendas prohiben falar da homosexualidade nas escolas e nas emisións dos medios en horario infantil.
O Parlamento Europeo ( PE) reclamou este xoves que Bruxelas non aprobe o acceso de Hungría aos plans de recuperación pospandemia, dos que lles corresponden ao redor de 7.000 millóns de euros, ata que se constate que o orzamento da Unión non vaia a “contribuír activamente á violación dos dereitos fundamentais en Hungría”.
O Goberno de Orbán asegurou onte que está preparado para defender a lei con todos os recursos legais, despois de que Von der Leyen advertira de que Bruxelas "tomará medidas" contra Hungría se este país non "corrixe" a lei. O argumento gobernamental é que a lei só defende os dereitos dos menores e o dos seus pais para decidir sobre a educación dos seus nenos. "Hungría non permitirá que, no canto dos pais, sexan os autoproclamados apóstolos da democracia liberal" o que se ocupen da educación dos nenos, advertiu o Executivo húngaro.
Áron Demeter, xefe de prensa de Amnistía Internacional de Hungría, explicou a Efe que aínda non se sabe que consecuencias reais terá a lei e que todo depende de como actúen os medios de comunicación e como reaccione o Consello de Medios, o órgano controlado por Orbán responsable de impoñer sancións. "Teoricamente, a lei xa se pode aplicar e as autoridades poden iniciar procedementos", afirmou Demeter.
Algúns analistas cre que, máis aló de sinalar a un novo inimigo, como antes fórono os refuxiados, Bruxelas ou o millonario George Soros, Orbán creou esta polémica para polarizar aínda máis á poboación e distraer a atención doutros temas máis perigosos para o Goberno. O debate sobre a lei homófoba fixo esquecer os casos de corrupción, os 30.000 mortos que deixou a pandemia ou a cesión de terreos reservados para equipamento educativo público para que o use a Universidade Fudan, controlada pola ditadura chinesa.
Así, Orbán pode manter viva ata as eleccións xerais da próxima primavera unha polémica que, ademais, ten potencial para dividir á fronte opositor, desde a ultradereita á esquerda, que se unira para tratar de acabar coa súa década de maiorías absolutas.
O 11 % dos homosexuais en Hungría asegura ser obxecto de agresións físicas e o 40 % de acoso verbal, segundo unha enquisa da Unión Europea publicada hai un ano.