CRTVG

Buscar

Entra en vigor a nova lei hipotecaria, cun aumento da seguridade para o consumidor

Publicado o 17/06/2019 21:33

As hipotecas que se asinen a partir de hoxe executaranse baixo a nova lei hipotecaria que entrou en vigor onte. A nova lei, que afectará as hipotecas que se asinen a partir de hoxe, ofrece maior garantía ao consumidor. Entre as melloras que introduce están a transparencia durante a formalización do contrato e tamén que aclara a quen corresponde o pagamento dos gastos que na súa maior parte terán que afrontar as entidades bancarias. A nova lei elimina as cláusulas de solo, pero segundo a asociación de usuarios de banca ADICAE, a nova normativa é insuficiente en aspectos como os desafiuzamentos onde non nos equipara a Europa.

A nova lei aclara quen debe pagar os gastos derivados da hipoteca. Os de xestoría, notaría e rexistro corresponden ao banco mentres o cliente só afrontará os de taxación. Outra mellora é a transparencia: quen asine unha hipoteca disporá de 10 días para consultar toda a documentación no notario.

Desaparecen as cláusulas solo, pero a banca segue podendo ofrecer outros produtos como seguros. A Asociación de usuarios de bancos ADICAE entende que isto supón un sobrecuste para o consumidor. Adicae considera que a lei é insuficiente en caso de desafiuzamento porque non nos equipara a Europa e advirte que xa está a detectar accións das entidades en contra dos intereses dos clientes.

Adicae anuncia que publicará unha guía de advertencias e recomendacións para os consumidores.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019