CRTVG

Buscar

Entra en vigor a nova Lei de rehabilitación, para impulsar a reforma nas zonas históricas

Publicado o 22/05/2019 21:42

Hoxe mércores entra en vigor a nova Lei de rehabilitación, coa que se pretenden impulsar a reforma das vivendas nas zonas históricas. O texto tamén axiliza, en último termo, a expropiación do inmoble nos casos en que o propietario non ofreza ningunha solución.

A nova lei pretende impulsar a rehabilitación de vivendas ofrecéndolles axudas aos propietarios ou favorecendo a súa venda. De non querer obrar nin aparecer comprador, a Xunta mesmo podería mercar o inmoble polo seu valor catastral. Pero o texto tamén recolle outra posibilidade para os casos máis graves.

Segundo apuntou Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, "o que non podemos é ter edificios en medio doutros que poidan ser un perigo para o viandante ou de carácter sanitario. E aí si que, en último recurso, procederíamos á expropiación". Neste caso, a Administración sería a encargada de rehabilitar a vivenda, que pasaría a ser de titularidade pública e dedicaríase a "servizos de carácter público, a aluguer ou incluso á venda pensando na parte social", apuntou a titular de Vivenda.

A Lei de rehabilitación tamén simplifica permisos. Os concellos poden así conceder licenzas directas para reformas en cubertas, carpinterías exteriores ou fachadas sempre que se respecten os elementos protexidos.

 

Noticias web

22/05/2019